Neste domingo poñíase o broche a unha intensa fin de semana en Trives. Dende o venres a vila acollía a 18ª edición da Concentración Mototurística que organiza o Moto Club Os Esquíos. Contaba cuns 500 inscritos, se ben dende a organización estiman que había outras tantas persoas que acudían á vila para desfrutar deste encontro, pero sen estar anotadas no evento.
Este domingo chegaba a derradeira xornada da concentración, na que se realizaba un percorrido ata a Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda, na que os participantes disfrutaban de espectaculares paisaxes. Despois tiña lugar unha comida no pavillón de deportes de Trives e entregábanse os premios.
“Foi unha fin de semana de moito traballo e esforzo, pero tamén moi satisfactorio. Nesta edición volvemos superar as expectativas e estamos moi contentos. Un dos nosos obxectivos con este evento é que a vila teña unha fin de semana incrible e pensamos que se conseguiu. Cumpríronse os obxectivos, non houbo ningún incidente e dos participantes só recibimos felicitacións, así que en global, pensamos que saíu perfecto”, asegura Jorge Vázquez dende o Moto Club Os Esquíos.
Coa organización da concentración colaboraba os voluntarios de Protección Civil de Trives e de San Xoán de Río.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.