En portadaÚltima hora

Unha análise certifica o alto contido de polifenois do aceite de Quiroga

Isto supón "un impulso definitivo para a singularidade que se busca de cara á consecución da Denominación de Orixe Protexida" para este produto, segundo o Concello

Cata de aceite de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O contido total de polifenoies do aceite de oliva de Quiroga “está entre os máis altos atopados en todo o mundo”. Así o vén de facer público o Concello de Quiroga tras coñecer os resultados da análise dunha mostra do Aceite de Oliva Virxe Extra (AOVE) deste municipio. O resultado da mesma revela que o “consumo diario de 20 gramos deste aceite aporta, nada menos, que 19.1 mg. destas sustancias beneficiosas. 14 puntos por riba do mínimo establecido pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA)”, segundo o Concello de Quiroga.

Así, na mostra analizada o contido total de fenois da declaración EFSA (hidroxitirosol, oleaceína, oleocantal, oleuropeína aglicona e ligustrósido aglicona) é de 949 mg/kg. Sirva como dato que no ano 2017 publicouse un estudo que sinalaba que en todo o mundo a cifra máis alta atopada para o total de polifenoles foi de 1.232’7 mg/kg.

O Regulamento Europeo 432/2012, no que se establece unha lista de declaracións autorizadas das propiedades saudables dos alimentos distintas das relativas á redución do risco de enfermidades e ao desenvolvemento e a saúde dos nenos, establece que a inxesta diaria de 20 mg de aceite de oliva debe proporcionar un mínimo de 5 mg de hidroxitirosol, tirosol e derivados.

Os responsables do Departamento de Química Analítica da Universidade Córdoba, organismo que realizou o análise da mostra e o seu informe, sinalan que hai “unha grande variedade de factores que inflúen na concentración de compostos fenólicos”, entre os que destacan os seguintes:

-A variedade ou xenotipo.

-Os factores agronómicos (como o rego e o índice de madurez do froito).

-O estado saudable dos froitos e a adopción de prácticas hixiénicas dende a recolección ata o envasado.

-Os factores tecnolóxicos (como o control da temperatura e o tempo de batidos ou a adición de auga)

-O postprocesado: filtración, inertización, condicións de almacenamento e tempo de vida.

Estes sorprendentes datos para o AOVE de Quiroga supoñen “un impulso definitivo para a singularidade que se busca de cara a consecución da Denominación de Orixe Protexida que se está a tramitar para este produto milenario do Val do Sil”, tal e como se destaca dende o Concello.

 

Artigos relacionados

Back to top button