DeportesÚltima hora

Unha andaina solidaria pretende concienciar sobre o maltrato aos maiores

Publicidade
A I Andaina Solidaria Ateular tamén recadará fondos para asociacións que traballan con persoas maiores como AFAOR, AODEM, ALCER ou a Asociación Española contra o Cancro
Susana Fernández, Mónica Ruiz, Cristina Sotelo, Mariló Neira, Carmen Dorado e Miguel Chao. // Foto: Carlos Asensio.

A empresa de servizos de atención a domicilio ás persoas maiores, Ateular, organiza unha a I Andaina Solidaria, para o vindeiro 17 de xuño, co obxectivo de “recadar fondos para as asociacións AFAOR, AODEM, ALCER e Asociación Española Contra o Cancro así como a toma de conciencia do abuso e o maltrato á vellez “, contou Cristina Sotelo, xerente de Ateular, na presentación de hoxe, 26 de maio, no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense.

Cristina Sotelo explicou, antes de dar os pormenores desta cita, que o maltrato á vellez “non é só maltrato físico, tamén é psíquico, emocional, ou o abuso de confianza en cuestións económicas. Falta de agarimo, soidade, abandono”, moitas veces por parte dos seus familiares e outras por parte de coidadoras con pouca paciencia ou falta de experiencia, explicou.

Por este motivo decidiron organizar esta andaina solidaria. Un evento creado para toda a familia porque “é moi importante concienciar dende todas as etapas da vida, porque a nós tamén nos vai tocar”, dixo Cristina.

Así é todo, esta andaina convoca a todos os participantes o día 17 de xuño no Campo da Feira de Ourense cara ás 9:30 horas “para que a xente recolla o dorsal”, explicou a asistente social de Ateular, Mónica Ruiz. Logo do rexistro, cara ás dez da mañá, botarán a andar pola ruta de 8 quilómetros que percorrerá o Paseo do Tinteiro, a ponte de Outariz, Paseo das Ninfas e a Ponte Romana, para logo voltar ao Campo da Feira. Logo diso, cara ás 13:00 horas, farase a entrega de diplomas e unha presentación das asociacións beneficiarias. Tras iso, todos os camiñantes gozarán dun pequeno ágape. O custo de inscrición é de 9 euros que comprende “o dorsal, unha pequena sorpresa e o aperitivo”, explicou Mónica Ruiz.

Para inscribirse, pódese facer no Centro Comercial Ponte Vella, no Inter Sport da Rúa Curros Enríquez e na propia sede de Ateular, na avenida da Habana. Tamén pódese facer on-line na páxina web de Ateular. O 8 de xuño pecha o prazo de inscrición, pero “o que queira anotarse de última hora daráselle a facilidade”, dixo Mónica Ruiz.

Na presentación tamén estiveron presentes os representantes das diversas asociacións beneficiarias. Xa que todo o recadado coas inscricións irá destinado ás asociacións anteriormente nomeadas. De feito a presidenta de AODEM, Susana Fernández, estableceu que os cartos que reciban van ir destinados ao seu programa de rehabilitación.

Pola súa banda, Mariló Neira, representante de AFAOR, fixo unha reivindicación en facer pedagoxía cos máis pequenos na materia do maltrato aos maiores: “hai que facerlles saber que o que os maiores fixeron por nós e que saiban que hai que coidalos e atendelos”. Finalmente, Carmen Dorado, de ALCER, avalou as palabras da súa compañeira dicindo que “as pequenas accións diarias que poidamos ter cos maiores, o apoio, vailles dar unha maior calidade na súa vellez”.

Todas resaltaron que este evento é para ir en familia e non importa a idade que teñan. “Os pais e nais cos carriños, maiores, deportistas, adolescentes, mozos…” todos eles poderán competir por un mesmo obxectivo: evitar o maltrato aos maiores.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button