DeportesMotociclismoÚltima hora

Unha avaría mecánica pon fin antes de tempo ao Dakar para Eduardo Iglesias

O piloto monfortino víase obrigado a abandonar a carreira tras "unha dura etapa marcada por un terreo extremadamente complicado"

Eduardo Iglesias no Dakar 2025./ Foto cedida.

 

Intentouno pero finalmente o Dakar 2025 termina antes de tempo para o piloto monfortino Eduardo Iglesias, que se vía obrigado a abandonar a carreira tras “unha dura etapa marcada por un terreo extremadamente complicado”.

Con 605 quilómetros de especial e un percorrido repleto de dunas e area solta, a etapa 6 presentaba un reto constante para todos os participantes. A pesar do seu esforzo por manter o ritmo e superar as dificultades, “unha avaría mecánica detiña a Eduardo a tan só 60 quilómetros da meta, e a caída da noite complicou aínda máis a situación, deixándoo en pleno deserto sen posibilidade de asistencia inmediata”.

Así, a pesar de que a  organización tentou brindarlle axuda, “as limitacións horarias impediron a súa evacuación en helicóptero, como alternativa, lanzáronlle unha bolsa con víveres e auga, pero as botellas romperon ao impactar contra o chan polo que non puideron cumprir a súa función facendo aínda máis dura a experiencia”, conta o propio Eduardo que tiña que pasar a noite no deserto en condicións adversas, enfrontándose ao frío e ao cansazo. No mediodía deste domingo 12 de xaneiro era finalmente recollido pola
organización, marcando o final da súa participación nesta edición do Dakar.

A pesar deste revés, Eduardo demostrou unha gran fortaleza e determinación durante toda a competición, as adversidades non embazan o seu esforzo nin a súa valentía nunha proba tan esixente. A súa experiencia no Dakar 2025 é un recordatorio de que “este rally non só pon a proba a habilidade dos pilotos, senón tamén a súa resistencia mental e física”. Aínda que este ano o soño interrómpese antes do esperado, Eduardo Iglesias deixa claro que o Dakar segue sendo a súa paixón, o seu espírito loitador e as ganas de volver permite dicir a todos os seus seguidores que estean seguros de que regresará con máis forza no futuro.

Artigos relacionados

Back to top button