CulturaCulturaÚltima hora

Unha cunca tipo Alpiarça de Castromao, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense

A súa presentación correrá a cargo de Marta Martínez e terá lugar o día 12 de xuño ás 20h. na sala de exposicións "Escolma de escultura"

Foto: Fernando del Río Martínez.

 

A súa presenza en Galicia unicamente se documenta na actual provincia de Ourense. A cunca tipo Alpiarça atopada no xacemento arqueolóxico de Castromao (Celanova), datada entre os séculos VII-VI antes de Cristo, caracterízase polas súas formas carenadas, maioritariamente abertas, por ausencia de decoración e un coidado brunido das súas superficies. Recibe o nome de cerámica de Alpiarça debido á similitude desta con cerámicas atopadas en estacións arqueolóxicas do centro e sur de Portugal.

“Foi nos niveis máis antigos de Castromao onde se localizaron varios fragmentos desta peza procedentes das campañas de escavación do ano 1978, levada a cabo por Francisco Fariña Busto, e do ano 1984, en colaboración con Alfredo Seara Carballo”, explica Marta Martínez Parada no estudo elaborado con motivo da escolla desta cerámica como “Peza do Mes de Xuño” no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. A presentación desta peza, con entrada libre, terá lugar o día 12 de xuño ás 20h. na sala de exposicións “Escolma de escultura” de Ourense e a explicación correrá a cargo da citada investigadora, quen nesa mesma publicación indica que no ano 1984 retomábanse os traballos na parte alta do castro, así como na muralla que pecha o recinto pola cara noroeste, onde se realizan tarefas de consolidación. “Nas escavacións da cuadrícula situada no extremo oeste da croa, documentáronse novos fragmentos de Alpiarça, que, casualmente, coincidían con algúns dos atopados en 1978. Grazas a estes achados e ao labor do equipo de restauración do Museo Arqueolóxico de Ourense, foi posible unha reconstrución parcial da peza expositiva”.

Martínez Parada describe este recipiente do seguinte xeito. “Trátase dunha cunca carenada feita a man, de tipo Alpiarça. Presenta colo alto, bordo exvasado e unha carena pronunciada e baixa no corpo, dende onde arrinca un fondo cóncavo. A pasta é de cor ocre escura coa superficie brunida, o que lle achega brillo, e está decorada con bandas verticais brunidas feitas á dureza de coiro (pasta en proceso de secado). Contén desgraxantes micáceos e de cuarcita de gran fino que lle proporcionan maior resistencia á peza. En canto á morfoloxía, os estudos de Manuela Martins clasifican esta cunca dentro do tipo 5 C, tendo en conta ademais da forma, a altura da carena. Estas pezas son sempre de fabricación moi coidada con superficies alisadas ou puídas e pastas de boa calidade, o que permite incluílas dentro da categoría de cerámica fina”.

Esta investigadora tamén matiza que dentro de Castromao atopábanse máis exemplares de Alpiarça, de distintas tipoloxías, “destacando unha asa de fociño de porco pertencente a un vaso carenado con paralelos no Castro de Santo Estêvão da Facha (Portugal) e varios fragmentos de bordo dunha cunca carenada con acabado espatulado no colo”. E sobre a súa funcionalidade indica que “quizais tivesen distintas utilidades segundo o seu tamaño”, pero deseguido apunta que “ao ser unha cerámica que amosa certa categoría e coidado na súa elaboración, poderíase falar dunha peza cun marcado carácter cerimonial sendo empregada en fitos festivos como festas agrícolas ou ritos de paso familiares”.

Os detalles desta peza poderán coñecerse polo miúdo na intervención que Marta Martínez ofrecerá o vindeiro 12 de xuño.

Artigos relacionados

Back to top button