As firmas asentadas no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en Ourense, non deixan de colleitar recoñecementos ao seu labor. Neste caso foi a empresa Egatel a galardoada co premio ao produto máis innovador, tras fabricar un terminal satélite interactivo de última xeración, que mellora a transmisión de datos e baixa os custes. O premio foi outorgado pola Asociación Galega de Empresarios TIC, no marco da gala Noite Galega das Telecomunicacións.
Bautizado como “Smart LNB”, o terminal con selo ourensán está equipado cunha serie de innovacións tecnolóxicas desenvolvidas por Egatel que permiten aumentar a eficiencia da canle de retorno a un custe moi inferior en comparación a outros similares. “O terminal está a revolucionar o mercado de comunicacións por satélite, abrindo a porta a unha ampla gama de servizos de televisión conectada e de internet das cousas a un custe moi inferior ao actual”, subliñou Francisco Javier Valdés, como responsable do Departamento de I+D de Egatel.