CulturaCulturaÚltima hora

Unha exposición-homenaxe ao Periódico O Sil abrirá as 3as Xornadas Valdeorresas en Barcelona

Adicadas ás Letras Galegas 2022, as xornadas celebraranse do 29 de abril ao 1 de maio no Ateneu Roig

 

As Xornadas Valdeorresas en Barcelona 2022 adicadas este ano ás Letras Galegas, celebraranse do 29 de abril ao 1 de maio contando cunha exposición-homenaxe ao Periódico O SIL e un obradoiro de teatro-encontro da man de Amparo Rodríguez de Dios.

Tal como explica o seu promotor, o valdeorrés de Córgomo (Vilamartín) Anxo Baranga, tras dúas exitosas edicións e o parón da pandemia, neste 2022 aproveitaron o Ano das Letras de Florencio para argallar un programa que xirará en torno á súa figura, convidando a Amparo a presentar e traballar sobre o seu proxecto de teatro-encontro a partir da vida e obra de FDG. “Fará un obradoiro con Furafollas que máis tarde poderase levar a diferentes entidades galegas en Cataluña”, adianta Baranga. El mesmo explica que falando das Letras Galegas, de Florencio e de Valdeorras, estaba claro a quen tiñan que adicar a exposición deste ano: a O SIL, “o único medio de Valdeorras en galego, facendo un traballo de moito nivel durante todos estes anos”, di Baranga.

 

 

Precisamente a inauguración da exposición ‘O SIL, 25 anos de prensa en galego’ será a que marque o inicio das III Xornadas Valdeorresas en Barcelona, o venres 29 de abril ás 19 horas no Ateneu Roig, no Barrio de Gracia (Barcelona) e que permanecerá aberta durante toda a fin de semana. Nela poderán verse algúns dos traballos deste medio de comunicación a prol da cultura e lingua galegas.

O sábado 30 de abril será o día do teatro. Amparo Rodríguez comezará o obradoiro sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán con Furafollas Agrupación Teatral. E xa o domingo 1 de maio, pola mañá continuará o obradoiro e pola tarde os participantes no obradoiro actuarán ao aire libre para o público en xeral. O fin de festa das xornadas está previsto para as 20 horas coa clausura da exposición.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

 

Artigos relacionados

Back to top button