A asociación ourensá e a Federación Galega de Persoas Xordas desenvolverán o día 28 de setembro en Ourense un programa de actividades participativas e de sensibilización, destinadas a dar a coñecer a realidade e as problemáticas que afectan a este colectivo, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional de Persoas Xordas.
A celebración , que cada ano se leva a cabo de forma itinerante entre diferentes cidades galegas terá como sede este ano Ourense para celebrar os 45 anos de actividade que cumpre a asociación ourensá e comezará pola mañá cunha marcha de visibilización, que sairá desde o pavillón dos Remedios e percorrerá o centro da cidade (praza de Concepción Arenal, rúa Concello, Paseo e Lamas Carvajal) ata rematar na praza Maior, onde se lerán discursos e se realizará unha mostra de poesía en lingua de signos.
Pola tarde, na escalinata de Santa María Nai desenvolveranse desde as 16:30 horas diferentes actividades culturais, como espectáculos de humor xordo e mimo, e de deporte e saúde, cunha clase de zumba. Tamén durante a fin de semana do 28 ao 30 de setembro, a Ponte Romana iluminarase de cor para conmemorar esta celebración.
A organización prevé reunir na cidade máis de 300 persoas procedentes de toda Galicia.