Na mañá deste luns 28 de setembro Expourense acollía a presentación da terceira edición de Funtastik-Non Limits, un evento que converterá ao recinto feiral de Ourense no “maior parque multiaventura de Galicia” ofrecendo un universo de experiencias educativas e divertidas para todas as idades. Poderá desfrutarse desde o 2 ata o 12 de outubro e o prezo da entrada é de 10 euros por persoa e sesión (mañá de 10 a 14h. ou tarde de 14 a 20h.) sendo gratis para os menores de 3 anos. Pode adquirirse en www.ataquilla.com ou no propio recinto.
A terceira edición de Funtastik-Non Limits volve contado co apoio da Deputación provincial de Ourense e da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación, que facilitarán a participación nesta actividade de escolares de colexios da provincia. Xa está confirmada a participación de 2.100 alumnos de 31 colexios.
Funtastik é unha actividade que fomenta o lecer saudable, participativo e inclusivo sen esquecer a formación e a práctica deportiva, promovendo valores como a sustentabilidade, o consumo responsable ou a igualdade.
A presentación desta segunda edición de Funtastik contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, acompañado polo director territorial de Educación, Jorge Rubén Sampedro; polo vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández; polo xerente de Mantesil e promotor da actividade, Berto Fernández Docampo, e polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
Nesta terceira edición, este evento busca a súa consolidación na axenda de lecer familiar e educativo dos ourensáns. As novidades desta edición serán a megaestructura que recrea o programa televisivo Grand Prix e zonas exclusivas temáticas de “O Pito Pepe”, Playmobil, Piratix e Super Things.
