DeportesNataciónÚltima horaVídeos

Unha nova edición do Madrugón abre o Día do Cristo no Barco

 

Como cada ano dende hai case trinta e salvando os da pandemia, o Barco de Valdeorras comezaba a xornada deste xoves 14 de setembro, día grande das Festas do Cristo, nadando. Así o facían os valentes homes e mulleres que participaban no Madrugón, baixando a nado polas frías augas do Sil dende a Capitana ata o Malecón. Unha tradición e un dos sinais de identidade das festas grandes do Barco, que nacía no ano 1992 e dende entón, en maior ou menor medida, con máis ou menos nadadores, mantense viva.

 

 

Este chapuzón festivo é unha actividade lúdica na que os participantes desfrutan, aínda que tamén pasen frío. Por iso, non dubidan en botar man do licor café para entrar en calor e coller os folgos necesarios para entrar na auga. A partires de aí, todo é moi rápido e acompañados polos membros de Protección Civil, completan os escasos 300 metros de distancia.

 

 

E tralo chapuzón, coma sempre o premio máis gratificante é un bo chocolate con churros que nesta ocasión foi servido pola churrería La General no pavillón vello, despois da entrega dos premios. Os máis rápidos foron un ano máis  Pablo Israel Rodríguez e a súa muller Grit Hagen, que non teñen rivais nesta cita lúdico-deportiva e tamén houbo agasallos para os primeiros menores de 15 anos; para o traxe de baño máis orixinal; para o conxunto con traxes de baño máis orixinais; para a familia que máis membros presente; e para o club que presentou máis deportistas.

 

 

Coma sempre, todos os participantes levaron unha toalla conmemorativa como recordo desta edición á que tampouco faltaron os concelleiros de Deportes Aurentino Alonso e de Cultura Margarida Pizcueta.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button