Sobresalto neste inicio de ano no Barco de Valdeorras. Na mañá deste 1 de xaneiro producíase un incendio nun piso dun edificio da rúa Eloy Rodríguez Barrios.
Pasadas as nove os servizos de emerxencia do Barco recibía o aviso dun incendio urbano na rúa da Estación pero ao chegar alí non atopaban rastro de lume nin fume. Pouco despois recibían un novo aviso coa dirección correcta. Ata aí se desprazaban os GES Valdeorras, os bombeiros do parque comarcal, a Garda Civil, a Policía Local e urxencias sanitarias.
Tal como informan dende o GES o incendio orixinouse na habitación resultando afectada unha muller, a única habitante da vivenda, que era trasladada pola ambulancia ata o Hospital Público Valdeorras. Ardeu un altofalante, un armario e un colchón, posiblemente, un fallo eléctrico puido ser a causa do incendio, tal como indicaron os Bombeiros de Valdeorras ao 112 Galicia, tras dar por rematada a súa intervención. Ademais, os membros do GES de Valdeorras comunicaron que toda esa estancia, só a habitación, resultou afectada polo fume.
Finalmente, tras extinguir o lume e ser evacuada a ferida polo persoal sanitario, os Bombeiros e os membros do GES de Valdeorras deron por finalizada a súa intervención. Tamén había un gato que nun primeiro momento escapou e finalmente lograban localizar en perfecto estado.