Na mañá deste mércores 7 de decembro, a alerta por unha explosión, no Barco de Valdeorras, mobilizaba aos servizos de emerxencia. O suceso tiña lugar pasadas as 12:30 horas no segundo piso dun edificio da rúa Regueiral (nas proximidades das pincinas descubertas municipais) onde unha persoa resultaba ferida a causa da explosión dunha bombona de gas.
Segundo explicaron os Bombeiros do Valdeorras a través do 112 Galicia, “a situación desencadeouse cando, ao querer acender a estufa, o demandador de butano estaba ao máximo da súa potencia. Isto foi o que provocou a explosión, que rematou con danos importantes na cociña e cunha leve intoxicación do ocupante da vivenda, quen foi atentido no mesmo lugar polo equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 sen que fose necesario o seu traslado”, tal e como informa o 112 Galicia.
En relación aos danos, os efectivos de extinción contabilizaron un forno, a cociña como electrodoméstico, a porta da estancia e o muro que divide esta co salón. Así, os bombeiros procederon á desconexión da bombona de butano e á depuración do ambiente co fin de garantir a salubridade do aire, segundo a información do 112 Galicia.
Este suceso rexistrouse no 112 ás 12:30 horas de hoxe mediante a chamada de alerta dos axentes da Policía Local, que se desprazaron ao lugar. Ata o lugar desprazábanse, ademais, membros do GES Valdeorras, os bombeiros do parque comarcal, a Garda Civil e o 061-Urxencias Sanitarias.