
A multitude de propostas turísticas que ofrece Quiroga vén de completarse con outra alternativa, centrada nesta volta, na propia vila. A oficina de turismo de Quiroga realizou un mapa no que están sinalizados os dez murais cos que conta a vila de Quiroga para facilitar que as persoas que nos visitan poidan achegarse ata estas obras pictóricas urbanas. A ruta, dispoñible en Wikiloc e Google Maps, recorre 1’5 quilómetros para gozar do arte urbano en Quiroga, empezando polo aceite e rematando polo viño. Ademais dos dez murais, a ruta tamén nos achega aos lapis da cultura instalados na Casa da Cultura e no Albergue Municipal.
A ruta iníciase no Auditorio Municipal onde pode verse o mural que representa un neno cunha oliva dourada, simbolizando o ouro líquido quirogués. Esta obra é do artista urbano Mon Devane que se caracteriza por ser un pintor de retratos, foto realista, que utiliza spray para realizar as súas obras, nas que predomina a cor turquesa.
Continuando pola rúa Real chégase ata o Albergue Municipal, onde nunha das súas fachadas laterais atopamos un mural realizado polo artista Miguel Peralta, que representa a imaxe da mitolóxica Lavandeira do Sil. Neste mesmo edificio están os lapis da cultura que representan aos escritores Ánxel Fole, Eduardo Moreiras e Luz Pozo Garza.
Por debaixo da praza do Albergue Municipal, nas inmediacións do Centro de Educación Infantil e Primaria, pódese ver un muro cunha escala cromática que chama a atención por ser unha composición xeométrica de vistosas cores. Continuando camiño chégase ata o Pavillón Municipal onde Abi Castillo baixo o título de “Sororidade” representou a dúas mulleres. Un mural que se realizou para conmemorar o día da Muller.
Tras pasar o centro de saúde atópase outro dos murais, realizado polo quirogués José Luís Lemos, unhas flores enmarcan o título de “Bésame en esta esquina”.
Na praza España, realizado por Pablo López Sanjurjo, pode contemplarse un grafitti que representa á escritora galega Rosalía de Castro.
Tras subir novamente ata a rúa Real o camiñante verá o mural situado nas inmediacións da praza España. O realizado polo artista catalán Iván Floro, coa axuda da súa irmán Alejandra e que representa unha moza ás beiras da auga.
A ruta levarao despois pola rúa Tallos e a rúa do Courel, onde está situado o museo Xeolóxico, ata a praza Maior onde nun lateral dun edificio da rúa Calvo Sotelo se atopa o mural de Germán González que representa unha alvariza na que non falta un oso merodeando para buscar mel.
Baixando novamente ata a rúa Real pola rúa Lago sitúase o mural que representa o Camiño de Inverno. O artista urbano Mon Devane está rematando o mural traballa nunha peregrina que representará e recordará esta ruta Xacobea e a importancia que ten dentro do noso municipio.
O último dos murais está no entronque da rúa Real coa rúa San Martiño de Abaixo. Trátase da obra do artista Joseba Muruzábal, da “súper avoa ” Erundina Macía Macía, que amosa o seu mellor sorriso cun acio de uvas brancas e unha tesoira de vendimar na man, e o carriño que sempre porta no seu día a día esta veciña de Quiroga.
Esta ruta de arte urbano da vila quiroguesa remata na Casa da Cultura onde tres lapis representan aos escritores Ernesto Guerra Dacal e as irmáns Pura e Dora Vázquez, todos eles escritores vinculados a Quiroga.
Tras a ruta sinalizada a través das dúas plataformas de internet agora o Concello de Quiroga traballa para realizar un folleto impreso que se poda entregar dende a oficina de turismo.
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-murais-arte-urbano-en-quiroga-83383762https://www.google.com/maps/d/viewer?hl=es&mid=1vlnWIvYVHpbNujPhbMP_bkZilM3attOx&ll=42.47686408198072%2C-7.267698497423846&z=16&fbclid=IwAR2KDPBy51Mvudct0WLWvXUTgcLoVxArnBVWb8iH9tTEvmfh7jrIwziWGBc