CulturaCulturaÚltima hora

Unha semente de uva do século IV d. C., atopada no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín)

"A nosa hipótese é que existía un cultivo sistemático de vide na comarca e, polo tanto, viño local”, din os investigadores

Semente de uva atopada no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín)./ Foto: Sputnik Labrego.

 

Entre os últimdos achados arqueolóxicos que saían a luz no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) figura unha semente de uva (vitis vinifera) do século IV d.C., datada por radiocarbono. “Recuperar este tipo de evidencias tan delicadas precisa dunha metodoloxía moi precisa de toma de mostras de terra que despois levamos a un laboratorio onde son procesadas por flotación”, di Carlos Tejerizo, director das intervencións, levadas a cabo dende o 2019 por Sptunik Labrego co apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras.

A identificación desta semente foi realizada por los especialistas Nicolás Losilla, da Universidade de Granada, e Jérôme Ros, do Centre National de la Recherche Scientifique de Francia. “As análises mostraron efectivamente que se trata dunha semente de uva, o que mostraría a presenza de vides na contorna de xacemento. Aínda que o estado dos restos impidan confirmalo, a nosa hipótese é que existía un cultivo sistemático de vide na comarca e, polo tanto, viño local”, afirma Tejerizo. Esta semente é unha proba máis deste cultivo de vide na contorna de Valdeorras.

Este resultado e moitos outros serán expostos nun seminario internacional que terá lugar o próximo venres 24 de novembro na Universidade de Santiago de Compostela. Neste seminario serán discutidos todos os datos provenientes das escavacións do xacemento de Valencia do Sil. “O obxectivo é discutir cos maiores especialistas todo o que estamos a atopar nas escavacións, de xeito que podamos entender mellor este singular xacemento”, di Celtia Rodríguez, co-directora da intervención, “despois de cinco anos temos moito que dicir sobre O Castelo, mais seguro que outras visións e ideas podan mellorar a nosa aproximación ao sitio”, remata. Este encontro contará con máis dunha ducia de especialistas, que discutirán aspectos como o comercio de época tardorromana, os efectos da minaría romana ou o contexto arqueolóxico do xacemento.

A semente atopada en contexto arqueolóxico ten unha gran relevancia nunha comarca tan vencellada ao viño como é Valdeorras. “Non podemos dicir que no século IV d.C. houbera viñedos como os que hai hoxe en día, mais si que a uva e seguramente o viño eran partes moi importante das economías da contorna”, di Francisco Alonso, da empresa TEMPOS Arqueólogos e coordinador das escavacións en campo de Valencia do Sil. “Tampouco podemos asegurar que tipo de uva era, se Godello, Mencía ou Garnacha, pero seguro que o viño estaba moi bo”, bromea Alonso. “Este sen dúbida é un importante achado que poderá axudar a por en valor un sitio único no noroeste peninsular”.

Artigos relacionados

Back to top button