Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Unha vintena de concellos portugueses amosarán o seu atractivo aos ourensáns no “Día de Portugal na Galiza”

A cidade das Burgas acollerá, os días 9 e 10 de xuño, esta xornada que se presentou hoxe cunha plantación dunha sobreira, árbore nacional de Portugal, en Montealegre

O Xardín Botánico de Montealegre foi o escenario elixido polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o vicecónsul de Portugal en Galicia, Manuel Correia da Silva; hoxe, 24 de marzo, para anunciar que a cidade das Burgas será a anfitrioa, os días 9 e 10 de xuño, do “Día de Portugal na Galiza”, que o ano pasado celebrárase en Vigo.

Como primeiro paso para esa festa de unión entre ambos pobos, o vicecónsul luso e o rexedor municipal plantaron unha sobreira, árbore oficial de Portugal, no xardín botánico. Ambos persoeiros puxeron en manifesto as súas intencións de estreitar lazos entre ambos territorios. Segundo comentou Vázquez: “temos unha porta aberta e unha posibilidade de que Portugal se achegue a Ourense e de que Ourense se achegue a Portugal”. Asemade, o rexedor municipal dixo que esperan que estas dúas xornadas sexan “a antesala das nosas festas da cidade”.

Durante o paseo, antes de planar a árbore, os técnicos do Xardín Botánico e o alcalde de Ourense, explicaron ao vicecónsul as numerosas especies que tiñan e as actividades que facían durante todo o ano nese espazo.

En total, 20 concellos do país veciño virán até a capital das Burgas para amosar “a danza, música, gastronomía e cultura”, sinalou o vicecónsul de Portugal en Galicia, Manuel Correia da Silva. O diplomático salientou na súa intervención que a cidade de Ourense “é unha cidade fantástica que ofrece as condición idóneas para organizar este acto”. Tamén dixo que este ano, esta cita tiña que ser nesta cidade “pola amizade e pola historia común”. Pero, segundo explicou Da Silva, a intención de celebrar estes festexos en Ourense “non é que os galegos coñezan Portugal, xa que viaxades moito ao noso país. O obxectivo é dar a coñecer Ourense aos portugueses”.

Para rematar, Manuel Correia da Silva fixo unha mención a “vivir a amizade nestes dous días, a beber un vaso de viño e tomar unha tapa”. Porque no mundo, dixo, hai certas persoas públicas e políticos que o teñen moi descontrolado “e por iso convén voltar ao inicio. Porque vivir Europa é abrazar ao país veciño, ao amigo”, dixo. E concluíu o seu discurso dicindo que “eu non coñezo un pobo mellor para unha festa que o pobo galego, e só por iso, paga a pena facer estes festexos”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button