OurenseÚltima hora

Unhas 500 persoas, nas probas para as prazas de auxiliar de Policía Local convocadas por 27 concellos, entre eles O Barco

Os resultados poderán consultarse o mércores 26 na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

 

Máis de 500 persoas participaron nas probas teóricas para optar ás 104 prazas de auxiliares de Policía Local convocadas por 27 concellos, entre o do Barco de Valdeorras, a través das oposicións centralizadas pola Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Os aspirantes realizaron a segunda e terceira proba no Recinto Feiral de Silleda a partir das 10.00 horas, tal e como puido comprobar o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co director da xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, nunha visita ao pavillón. Consistiron nunha proba de coñecementos con 50 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria, ademais da proba de avaliación do coñecemento da lingua galega para as persoas non exentas.

Os resultados poderán consultarse o mércores 26 na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Unha vez rematado o proceso, a comezos de xuño prevese o inicio nas instalacións da AGASP do curso de formación teórico-práctico obrigatorio que deberán superar os aspirantes que aprobaron as probas anteriores antes de poder elixir destino e ser contratados polos concellos.

 

 

A través desta vía cubriranse un total de 104 prazas comunicadas por 27 entidades locais: A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambados, Cangas, O Carballiño, Cedeira, Fene, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Meaño, Miño, Mugardos, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ortigueira, Poio, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corposd e policía local, a través dun protocolo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Deste xeito, xunto con estas 104 prazas de auxiliares de Policía Local, a Xunta centraliza tamén o proceso selectivo para o acceso a 94 prazas do corpo de Policía Local de 35 municipios, que conformarán a 13ª promoción de Policía Local, e que tamén hoxe elixiron destino na sede da Agasp para comezar o curso o vindeiro día 31 de maio. A partir do luns presentaranse nos seus concellos para o seu nomeamento como funcionarios en prácticas.

Artigos relacionados

Back to top button