EconomíaEconomíaÚltima hora

Unións Agrarias saca adiante unha iniciativa popular para pedir axudas directas ao rural

Publicidade
O sindicato recadou 2.700 sinaturas e a moción vaise debater o vindeiro ano no Parlamento de Galicia
José Ramón González e Carlos Basalo. // Foto: Carlos Asensio.

Unións Agrarias anunciou hoxe, 5 de novembro, que o Parlamento galego vai debater no 2018 unha iniciativa lexislativa popular a favor das axudas directas para a viticultura e produtores de castañas da provincia afectados polas xeadas, seca e sarabia. “Isto faise despois de que a Xunta electoral verificase o número de sinaturas que ratifican o apoio”, explicou o responsable de Agricultura do sindicato, José Ramón González.

Concretamente facían falta 2.500 rúbricas para que a proposta chegase até o Hórreo; pero González asegurou que “foron máis de 2.700” os apoios que recibiron para que se leve a debate esa necesidade de axudas “que palíen esas dificultades” dos agricultores e gandeiros debido aos fenómenos meteorolóxicos acaecidos no 2017.

O voceiro de UU.AA. , Carlos Basalo, dixo que con esta iniciativa o que pretenden é “reclamar esas axudas directas, a fondo perdido, para os produtores agrarios “como se fixo na Ribeira Sacra no seu tempo” e que contemplan un teito de 15.000 euros por explotación ou 7.000 euros por hectárea de terreo afectada polas xeadas, o pedrisco, a seca ou os lumes forestais.

Asemade, tamén van solicitar unha bonificación nas cotas do 95% nas cotas da Seguridade Social “e rebaixas no IRPF” namentres haxa unha merma considerable nos ingresos.

Dende o sindicato están a traballar agora en contactos cos grupos políticos representados na Cámara galega para “buscar apoios”, dixo José Ramón González, para esta iniciativa.

O responsable de Agricultura de Unións Agrarias reiterou que “co apoio dos deputados ourensáns do Partido Popular sería máis que suficiente para que saíse adiante a iniciativa”. Asemade, asegurou que esta iniciativa lexislativa popular é unha chamada de socorro do rural galego.

Pola súa banda, Carlos Basalo reiterou “a falta de apoios dende Medio Rural”, lembrando que a conselleira “prometeu que se ía reunir con nós e aínda non tivemos resposta”. Asemade, asegurou que o rural precisa “de xeito urxente” esas axudas directas “senón Ourense vaise converter nun couto de caza”, sentenciou.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button