OurenseÚltima hora

A Universidade Laboral conta cun novo módulo para a FP dual de Transporte e Mantemento

Este novo módulo ten unha superficie de case 400 metros cadrados para abranguer as clases prácticas, obradoiros e almacéns
Marisol Díaz e Jesús Vázquez visitaron as obras co seu equipo.

O vindeiro curso, o IES Universidade Laboral estreará un novo módulo de 359 metros cadrados para abranguer o Ciclo de Formación Profesional dual de Transporte e Mantemento. As obras foron realizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta e o investimento foi de 350.000 euros.

Estas actuacións consistiron na creación dun volume semellante á última ampliación, formado por un espazo de dobre altura destinado a obradoiro e a almacén de material de desprazamento e unha zona anexa de dúas plantas, destinada a aulas polivalentes e espazos auxiliares. En total, eses case 400 metros cadrados servirán para o desenvolvemento das prácticas dos alumnos da FP dual.

A finalidade desta actuación, informaron dende a Xunta, é a de atender correctamente ao alumnado desta disciplina que, ata hoxe, dispoñían de oito aulas para 11 grupos, resultando insuficiente o espazo para levar a cabo as prácticas, tanto pola maquinaria que se emprega nos obradoiros como polo voluminoso do material.

O voluminoso material co que traballarán fixo necesaria esta ampliación.

Tanto o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, como a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, visitaron hoxe, 29 de agosto, estas novas instalacións, canda a distintos membros do seu equipo. Segundo declarou Díaz Mouteira, esta intervención é “a aposta pola calidade do ensino” por parte do Goberno Galego. A delegada vencellou esta intervención a outras feitas na cidade, como a ampliación da Escola Oficial de Idiomas, e da provincia.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, agradeceu o “esforzo inversor” da Xunta nestes últimos anos na cidade, tanto na área da Universidade como nos distintos centros educativos, entre os que citou o de Mende, a Escola de Idiomas e aos que se unirán en breve o de Seixalbo.

O alcalde subliñou na importancia deste investimento na Universidade Laboral, que definiu como “un centro de referencia en Galicia que destaca pola súa implicación na FP dual, de onde sairán os traballadores cualificados que demandan as nosas empresas”. Este investimento, dixo, é “un paso máis da nosa FP galega que, xunto coa vasca, é a mellor de toda a Península”.

Artigos relacionados

Back to top button