EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Preséntase o novo Grao Superior de Vitinicultura que terá o IES Lauro Olmo do Barco no vindeiro curso

 

Novos ciclos adaptados ás necesidades do territorio. Así se refería hoxe no Barco o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ás novidades en formación profesional que se incorporarán no vindeiro curso aos centros da provincia de Ourense. Entre elas figura, en FP Dual, a creación dun Grao Superior de Vitivinicultura no IES Lauro Olmo do Barco, cun total de 22 prazas e cunha duración de dous anos. Trátase do primeiro deste tipo en poñerse en marcha na parte oriental da provincia. Para poder acceder a el o alumnado debe ter un ciclo de grao medio ou unha titulación de bacharelato porque é un ciclo superior.

“Con esta visita queremos dar a coñecer a sociedade que teñen esta opción, por parte das adegas é moi necesaria man de obra en todos os seus procesos, na fase de elaboración, en viñedo, elaboración, envasado, xestión… a fin de mellorar esa profesionalización dun sector importante dende o ámbito do sector primario e tamén turístico, onde necesitamos profesionais cualificados. Pensamos que esta é unha formación necesaria”, indicaba xunto á directora do IES Lauro Olmo, Amparo Quiroga, ao xefe territorial de Educación e á inspectora.

Alén agradecía ademais a implicación das empresas do sector vitivinícola valdeorrés para poder poñer en marcha a iniciativa. “Na formación dual necesitamos da súa aportación na fase práctica, xa son doce adegas inscritas nesa formación práctica necesaria, algo que agradecemos. Este grao é algo bo para a comarca, para as adegas e para os alumnos que teñen unha nova opción de cara ao vindeiro curso escolar”.

Tamén neste mesmo eido, o vindeiro curso porase en marcha un Grao Medio de Aceite de Oliva e Viños no IES García Barbón de Verín (tamén con 22 prazas), que incorporan tamén un GS de Automoción e un GS de Hixiene Bucodental. En total na provincia crearanse 14 novos ciclos de FP Dual. En total no vindeiro curso ofertáranse 500 prazas de novas prazas na provincia de Ourense en formación profesional.

Pola súa banda, a directora do IES Lauro Olmo do Barco poñía en valor os ciclos formativos cos que conta este centro e destacaba que este Grao Superior en Vitivinicultura é algo novo, así como a propia FP dual, “unha formación na que o alumnado, a parte de formarse no IES, ten unha parte formativa na empresa, van a traballar tanto nas viñas como nas adegas durante varios períodos do ano e estarán formándose e cualificándose do persoal das adegas inscritas. Agora, temos 12, e esperemos que sexan máis, durante o tempo que están nas empresas cobran a metade do salario interprofesional e ademais están formándose, pode ser algo moi atractivo”.

Así mesmo incidía na relavancia desta formación tendo en conta a necesidade de relevo xeracional no sector e tamén comentaba que o ciclo está espertando gran interese, “de feito estamos recibindo moitas chamadas preguntando por el de persoas de idade media”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información sobre o ciclo achegada por AEVA:

Info ciclo superior viticultura

Artigos relacionados

Back to top button