En portadaÚltima horaVídeos

Uns 170 bikers toman a saída na Rúa, na III BTT da Ruta do Viño de Valdeorras

Preto da metade dos inscritos nesta marcha cicloturística que recorre diferentes lugares de Valdeorras, chegaron dende diferentes puntos de Galicia e tamén de provincias como León, Zamora, Madrid, Badaxoz ou Valencia

 

A área recreativa do Aguillón, na Rúa, acollía na mañá deste domingo 22 de outubro a saída da III BTT da Ruta do Viño de Valdeorras que hoxe se desenvolve na comarca cun total de 170 inscritos. Unha cifra que axuda, segundo destacou o presidente da Ruta do Viño, Joaquín Sánchez antes do inicio da marcha cicloturística, a “consolidar a iniciativa na axenda anual de actos de promoción do territorio e os seus recursos enoturísticos” que realiza a entidade que preside.

 

 

Joaquín Sánchez lembrou ademais que o obxectivo desta proposta é divulgar, entre outros lugares emblemáticos, aqueles activos da comarca que están especialmente ligados á cultura vitivinícola. É por iso que o trazado de 45 quilómetros proxectado percorre as inmediacións de magníficos viñedos, dalgunhas das adegas máis relevantes da comarca que forman parte da Ruta do Viño ou das tradicionais covas.

 

 

Na súa intervención antes do inicio da proba, Sánchez tamén quixo poñer en valor os viños brancos e tintos da zona sinalando que nos puntos de avituallamiento previstos todos os adultos terán oportunidade de degustalos, do mesmo xeito que o poderán facer unha vez finalizada a marcha. “Lembrade que o godello é o buque insignia nesta zona e que se elabora ao 100% con uvas desta variedade”, destacou, engadindo que “non sería xusto deixar de resaltar os tintos da comarca, cada vez máis demandados, particularmente os mencía. Viños que tamén merece a pena descubrir”.

 

 

Xunto a Joaquín Sánchez participaban no acto inaugural desta III edición da BTT a delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, María del Carmen González, que se amosou “moi contenta de ver tanta participación”; o director da Axencia Turismo de Galicia natural da Rúa, Xosé Manuel Merelles quen ratificou o apoio da Xunta para este tipo de iniciativas; e a alcaldesa da Rúa , María G. Albert que deu a benvida aos participantes. Na saída da proba, tamén estiveron presentes o rexedor do Bolo, Alberto Vázquez e a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela así como outros membros da corporación municipal da Rúa como Luis F. Gudiña.

 

 

E no punto de saída, amantes do ciclismo de toda Galicia e tamén doutras provincias españolas como León, Zamora, Madrid, Badaxoz ou Valencia, e tamén ciclistas semiprofesionais como o rues Sergio Calvo Bembibre que forma parte do Eolo Kometa Cycling Team da Fundación Alberto Contador, que teñen por diante un fermoso percorrido, a maioría entre viñedos, polos concellos da Rúa, Petín, Larouco e mesmo O Bolo, ata regresar de novo ao punto de partida no Aguillón rues.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Máis fotos e vídeos nos seguintes enlaces: https://osil.info/os-participantes-na-btt-da-ruta-do-vino-ao-seu-paso-por-a-portela-larouco-petin/

https://osil.info/a-iii-btt-da-ruta-do-vino-de-valdeorras-en-videos/

 

Os tres primeiros en completar o percorrido. No centro o rues do Eolo Kometa ,Sergio Calvo./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button