DeportesÚltima hora

Uns 500 ciclistas participarán na 9ª edición da “Parroira-Bike” organizada pola AC Endoureiros

A proba ciclista celebrarase na Merca o domingo 10 de xuño cun percorrido de 50 quilómetros

Por noveno ano consecutivo o municipio ourensán da Merca prepárase para acoller a proba ciclista “Parroira-Bike”, que terá lugar o domingo 10 de xuño e na que a organización espera unha participación duns 500 ciclistas, cun percorrido técnico e de dificultade alta de 50 quilómetros por camiños da Merca e de concellos limítrofes.

A presentación do evento deportivo organizado pola Asociación Ciclista Endoureiros tiña lugar na mañá do 29 de maio en Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes da Merca, José Manuel Taín; e o presidente e membros da AC Endoureiros, Alberto Taín, José Ribo, Juan Luis González e Antonio Gago.

Os interesados en participar nesta proba deportiva que aglutina deporte e natureza, poden inscribirse, por un custe de 17 euros, na páxina www.prueba-t.es, ata o día 4 de xuño. O presidente dos Endoureiros salientou que co trazado da ruta “tentamos aproveitar os recursos naturais da zona, así como recuperar o patrimonio histórico destes camiños con actividades deportivas”, mentres que José Ribo dixo que esperan “chegar aos 500 inscritos e superalos na décima edición”. Pola súa parte, o concelleiro de Deportes agradeceu ao club “volver escoller o noso municipio para desenvolver esta proba, porque falar de “Parroira-Bike” é falar da Merca”.

Artigos relacionados

Back to top button