Ao redor de 7.000 visitantes pasaron ao longo da fin de semana polo 8º Salón do Automóbil-Vehículo Novo que converteu a Expourense no concesionario máis grande de Galicia, coas últimas novidades ofrecidas pola trintena de marcas presentes, que representa o 100% dos concesionarios oficiais da provincia de Ourense.
Con moitos carteis de “Vendido” este domingo pola tarde, dende Expouresne aseguran que a cita conseguiu satisfacer as expectativas dos expositores e, segundo afirman dende A.C.A.U.T.O., “polo momento parece que se manteñen os datos da última edición” (lembrar que foron máis de 300 vehículos entre os dous salóns: novo e ocasión). Os datos finais de vehículos vendidos darase o vindeiro domingo na clausura do Salón do Vehículo de Ocasión, xa que “ao longo desta semana, moitas das visitas que viñeron a Expourense e non se decidiron no momento, pecharán a compra nestes días”.
Cun amplo abano de prezos entre os 8.000 e os 100.000 euros, este salón ofrecía modelos de coches para todas as necesidades e vendéronse modelos de todas as gamas, se ben parece ser que os SUV (todoterreos medianos) e os utilitarios de tamaño medio, foron os máis demandados.Entre as novidades que máis chamaron a atención do público destacaron os modelos híbridos como o Toyota C-HR, que se presentou en exclusiva neste salón e que se vendía por 1.000 euros menos e co navegador como agasallo; así como o Hyundai IONIQ que conta cun salpicadeiro fabricado con caña de azucre. Repetiu presenza neste salón o Road Show de Mazda que permitía probar todas as novidades da marca acompañados de monitores da marca chegados dende distintas partes de España.
O 8º Salón do Automóbil continuará a vindeira fin de semana (25 a 27 de novembro) coa celebración da edición adicada áo Vehículo de Ocasión no que volverán a estar presentesos 17 concesionarios asociados a A.C.A.U.T.O.