Despois da intensa actividade lúdica, cultural e deportiva durante o verán, con carreiras populares, rutas de sendeirismo, festas e mesmo exposicións, A Pobra de Trives afronta o outono cunha dobre proba, para andarines e corredores.
Trátase da V andaina e o II cross organizadas dende a Concellería de Deportes para este domingo 16 de outubro a partires das 9 da mañá. Unha xornada de outono para desfrutar das paisaxes máis fermosas e dunhas vistas panorámicas conxugadas coa práctica de hábitos saudables coma o sendeirismo.
Tanto a andaina como o cross disputaranse sobre un percorrido duns 14 quilómetros aproximadamente, con saída na Finca da Barreira para percorrer parte da vila e do entorno, por soutos e prados das espectaculares montañas que rodean a comarca trivesa.
Para participar nalgunha das probas cunha dificultade clasificada como media-alta, recoméndase ir con roupa cómoda, zapatillas deportivas ou botas tipo trekking, gorra e chuvasqueiro xa que a climatoloxía nesta época do ano adoita ser imprevisible e igual pode amencer cun sol espléndido como con chuvascos, como foi o caso do ano pasado.
A cita está aberta a toda a poboación, moi especialmente aos amantes do deporte, podendo elixir entre as dúas modalidades en función da preparación física e resistencia. A andaina está pensada para a xente sen adestramento especial que gosta de pasear difrutando da natureza. O cross, pola súa banda está máis orientado cara os amantes da competición que disfrutan correndo e superando os seus propios tempos.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.