DeportesÚltima hora

A V BTT de Ourense celébrase este domingo pola cidade, por Coles e Amoeiro

Organizada polo Clube Ciclista Dúas Rodas, terá rutas de 35 e 60 quilómetros
Percorrido da ruta longa, de 60 km.
Percorrido da ruta longa, de 60 km.

O Clube Ciclista Dúas Rodas de Ourense organiza para este domingo, 12 de xuño, a quinta edición da marcha ciclista en bicicleta de montaña BTT Cidade de Ourense, en colaboración co Consello Municipal de Deportes e a Deputación Provincial. Tamén conta co apoio de Deporte Galego da Xunta e da Federación Galega de Ciclismo. Nesta ocasión, o percorrido transitará por tres concellos: Ourense, Coles e Amoeiro.

Percorrido da ruta curta, de 35 km.
Percorrido da ruta curta, de 35 km.

Segundo se explicaba no acto de presentación, a marcha ciclista terá saída ás 9:30h dende as piscinas de Oira e contará con dúas rutas: de 35 e 60 quilómetros. Recupera, así mesmo, tramos pola ribeira do Miño. Haberá avituallamento sólido e líquido -que no caso da ruta longa serán dúas- ademais de duchas, lavado de bicicletas e un agasallo para todos os participantes.

Para os primeiros clasificados nas categorías de ruta longa, ruta curta, feminina ruta longa e grupo máis numeroso levarán un trofeo e un detalle por parte dos colaboradores.

Por outra banda, a edición deste ano inclúe a posibilidade de facer tramos de ‘Strava’, unha rede social onde os deportistas soben os seus adestramentos gravados a partir de dispositivos GPS creando unha competición virtual que pretende estimular a práctica do deporte. A persoa que acade o mellor tempo nun segmento, obterá o King of mountain (KOM) ou Queen of mountain (QOM).

O prezo das inscricións para participar é de 5 euros para deportistas federados, 10 para os non federados. Máis información en www.ccduasrodas.es.

Artigos relacionados

Back to top button