
Nestes días os lumes asolan Ourense. Segundo ás últimas informacións feitas públicas pola Consellería do Medio Rural, nestes momentos rexístranse tres incendios forestais activos na provincia. Un deles é o de Vilamarín, que permanece activo desde as 15:47 horas de onte venres. Segundo as últimas estimacións, afecta máis de 100 hectáreas. Na súa extinción traballan 1 técnico, 5 axentes, 10 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 2 avións.

Hai outro lume activo na parroquia de Covas, no concello de San Cristovo de Cea. Comezaba ás 03:32 h. desta madrugada. Segundo as primeiras estimacións afecta unhas 20 hectáreas. Traballan no seu control 5 axentes, 5 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 1 avión e 2 helicópteros.
Un terceiro incendio está activo na provincia, en concreto, na parroquia de Cantoña (Paderne de Allariz). Afecta provisionalmente unhas 20 hectáreas. No lugar traballan 3 axentes, 6 brigadas, 4 motobombas, 1 pa e 4 helicópteros.

Ademais están estabilizados tres lumes no concello de Vilariño de Conso. É o caso do de Chaguazoso dende as 09:40 h. desta mañá. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 400 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 13 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 3 avións.
Estabilizado está tamén dende as ás 20:10 h. de onte o lume rexistrado na parroquia de Castiñeira, tras iniciarse o xoves ás 03,45 h. da madrugada. Segundo as últimas estimacións, afecta máis de 50 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 4 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 3 avións e 2 helicópteros. Ademais quedaba estabilizado ás 20,10 h. de onte o lume en Sabuguido, tras comezar ás 10,00 h. do xoves. Afecta provisionalmente unhas 30 hectáreas. Na súa extinción levan traballado 2 axentes, 2 brigadas e 1 motobomba.
Asemade están controlados os incendios de Montes (Cualedro), Requeixo e Queixa (Chandrexa de Queixa), San Cristovo (Vilariño de Conso) e Río Caldo (Lobios).