SanidadeÚltima hora

“Vaise declarar de prioridade autonómica a praza de traumatoloxía e de rehabilitación do Barco”

Anunciábao o delegado da Xunta en Ourense, indicando tamén que está a negociar con Castela e León a posibilidade de compartir especialidades entre ambos territorios

Gabriel Alén, na súa visita a Laoruco neste martes./ Foto: O SIL.

 

Sobre a situación da sanidade no Distrito de Valdeorras, que abrangue esta comarca, así como as de Terras de Trives e Viana, pronunciábase amplamente o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na visita que realizaba na mañá deste martes a Larouco.

“Non podemos negar a realidade das dificultades que se están tendo, é unha situación que preocupa. A realidade é que non se está atendendo todo o rápido que nos gustaría en determinadas especialidades. Este é un problema que, en principio, vén derivado por unha pandemia na que tivemos que volcarnos na atención do Covid, e por outra banda, por unha falta de médicos que se produce en toda España e, en maior medida, naqueles hospitais comarcais de carácter periférico como o do Barco de Valdeorras no que pode resultar moitísimo máis complexo atender estas necesidades. Unhas listas de agarda contra as que pretendemos loitar, solventar e solucionar en maior medida. É dicir que no Barco de Valdeorras se están sacando reiteradamente convocatorias para cubrir prazas vacantes, e en moitas delas é complexo cubrir esas vacantes, non o conseguimos”, aseguraba o delegado da Xunta.

Tamén resaltaba que, dende a Xunta de Galicia, estase “traballando arreo día a día no máximo das nosas competencias para intentar mellorar esta situación. Aí están esas negociacións que se levan mantido e que se están a producir actualmente co goberno de Castela e León, que tamén ten dificultades, pero que o que pretendemos é compartir e xerar sinerxías entre ambos territorios, compartindo aquelas especialidades e médicos que sexan posibles, como unha medida máis. Por outro lado, vaise declarar de prioridade autonómica a praza de traumatoloxía e de rehabilitación do Barco para que se cubra a curto prazo. É dicir, establecerase como unha prioridade que se cubra, dentro das vacantes existentes, a primeira a do Barco”.

Con respecto á problemática dos desprazamentos da UVI móbil, o delegado destaba que iso “está solucionado, cremos que funciona correctamente”. Así mesmo, apuntaba que a Xunta “leva un tempo priorizando o desenvolvemento da actividade profesional neste hospital, tanto na carreira profesional a nivel salarial como tamén na puntuación para o concurso de traslados. Nós non imos fuxir das nosas responsabilidades, imos seguir traballando arreo, pero tamén incidindo en que cremos que a gran solución para o problema do Barco e do sanitario de falta do médicos é desbloquear esa taxa de reposición estatal nos orzamentos xerais do Estado, que se deixe facer a oferta de emprego público que necesitan as comunidades autónomas e Galicia para poder contratar a todos eses médicos especialistas necesarios, tamén cremos que a solución está en que se empecen a dar pasos despois dunha reivindicación histórica como é a A-76 e a mellora da N-120”.

Artigos relacionados

Back to top button