En portadaÚltima hora

Valdeorras celebra que Florencio Delgado Gurriarán sexa o homenaxeado nas Letras Galegas do 2022

O proxecto "As Letras de Florencio" organizaba un sinxelo e emotivo acto ao que acudía representantes do ámbito cultural de toda a comarca

 

Ás 20:22 horas deste venres 2 de xullo, apenas sete horas despois de que a Real Academia Galega (RAG) fixese pública a nova de que o poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán será o autor homenaxeado nas vindeiras Letras Galegas do 2022, soaban no Barco de Valdeorras 22 bombas consecutivas.

Era o acto simbólico co que o proxecto “As Letras de Florencio” creado hai cinco anos, celebraba a elección feita pola RAG. Mentres, no interior da biblioteca Florencio Delgado Gurriarán reuníanse os principais implicados no proxecto, así como representantes do ámbito cultural de toda a comarca.

 

Os representantes do proxecto, durante o acto.

 

Alí a concelleira de Cultura do Barco e principal impulsora da iniciativa, Margarida Pizcueta, asegura emocionada e moi contenta que o feito de “que as Letras Galegas 2022 se lle adiquen a Florencio Delgado vai marcar un antes e un despois para Valdeorras en todos os sentidos”, lembrando que son xa case 20 anos os que leva loitando por esa candidatura, que se revitalizaba nos últimos cinco.

A concelleira estaba acompañada neste acto polo alcalde do Barco, Alfredo García e pola directora do proxecto, Débora Álvarez, quen reiterou unha vez máis que “foron moitasas iniciativas, especialmente dende o IEV sobre todo por parte de José Gayoso, defensor acérrimo de Florencio, pero tamén están Córgomo e os seus veciños, a Asociación FDG Teatro, a Asociación Vía Nova, os Concellos que foron facendo actividades ao longo dos anos intentando poñer en valor a Florencio e isto ao final é un traballo e unha loita de todos”. Deborá incidiu en que foron cinco anos de duro traballo,”comezamos uns, agora estamos outros, aquí están María G. Albert da Rúa e Miguel Bautista de Petín como representantes do primeiro momento do proxecto e como mostra que isto tiña que ser e é un proxecto comarcal e sen iso non ía chegar a nada”. Un traballo que non temata aquí. “Isto é un punto e á parte porque agora toca responder a esta homenaxe deixando ben alto o nome de Florencio e Valdeorras”.

 

A directora do proxecto “As Letras de Florencio”, Débora Álvarez e o presidente do IEV, Aurelio Blanco.

 

O alcalde do Barco pola súa banda destacou que a clave neste asunto foron a colaboración e o traballo. “Falouse con todo o mundo e entre todos fomos quen de convencer a uns académicos de que era o momento de Florencio. Xogámonos todos e fixemos o que había que facer e o resultado está aí: 14 votos a favor e 4 en contra, 1 en branco. Con maioría absoluta a RAG recoñeceu o papel importantísimo de Florencio na literatura galega pero sobre todo na emigración en México sendo o gran esquecido de todos os recoñecementos da RAG”.

Na mesa estaban tamén o repesentante de Vilamartín, Juan Guntiñas; a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista; e o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado quen lembrou a firme aposta do IEV por poñer en valor a figura e a obra de Florencio xa dende 1979, “cando se reunía por primeira vez o IEV baixo a presidencia de José Gayoso sendo vicepresidente Ángel Fernández e o primeiro punto declarar a Florencio como membro emérito”, dixo ante o público reunido no local.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button