EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Valdeorras e Ribeira Sacra súmanse ao brinde colectivo do Día Movemento Viño D.O.

 

O Consello Regulador de Valdeorras súmase ao Día Movemento Viño D.O., que terá lugar o vindeiro 22 de outubro. Trátase dunha acción que naceu en 2017 e que este ano, na súa sexta edición e baixo o lema “Denominacións de orixe, territorios sustentables”, volve ao seu formato presencial. E faino ao grande, reunindo o maior número de denominacións de orixe vitivinícolas que participaron neste evento ata a data: 35. Organizacións que promoverán un brinde colectivo, simultáneo e simbólico como acto central.

“O Movemento Día Viño D.O. é unha acción para celebrar que en moitos territorios do noso país, dende hai décadas, viticultores e adegas decidiron unirse para protexer un patrimonio colectivo e contrastado no tempo, que fai que as uvas e os viños das súas zonas sexan únicos e diferentes do resto e teñan unha calidade recoñecida vinculada a unha orixe concreta. E, á vez, estamos ante unha iniciativa que este ano se vai centrar tamén en reivindicar que as denominacións de orixe son ferramentas que contribúen á sostibilidade nos seus territorios e eríxense en panca de cambio no medio rural. Son entidades que amosaron a súa resiliencia e a súa capacidade de adaptación ao longo dos anos a base de intelixencia colectiva e de asunción de compromisos e responsabilidades coa súa contorna, tal e como se sinala dende a Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), que promove o evento”, explican dende a D.O. Valdeorras.

 

 

Tamén a D.O. Ribeira Sacra vén de anunciar que se suma a este movemento. O sábado 22 de outubro, ás 13.30h, 36 Denominacións de Orixe de viño de España organizan un brinde colectivo e simultáneo en lugares emblemáticos dos seus respectivos territorios para achegar o concepto D.O. ao consumidor, destacar os valores que hai detrás do viño con D.O. e divulgar por que as DDOO considéranse ferramentas de sustentabilidade nos seus territorios.

A D.O. Ribeira Sacra súmase este ano á acción desde o albergue Aida Sara Menéndez Lorenzo en Diomondi, en pleno Camiño de Inverno. No 2019 levou aos participantes no Día Movemento Viño DO a un catamarán sobre o Sil para celebrar o brinde.

Artigos relacionados

Back to top button