CulturaCulturaEducaciónEntroido 2022Última hora

Valdeorras estará moi presente nas ‘Ordes da Meca’ do Entroido no CEIP Julio Gurriarán do Barco

Este ano tratarán temas relevantes e de actualidade como o hospital comarcal, As Letras de Florencio ou as Tanxugueiras

Día do Pixama no Entroido 2021, un clásico no CEIP Julio Gurriarán./ Foto cedida.

 

Chega o Entroido e como xa é tradicional nos centros escolares prepáranse para celebrar por todo o alto a semana baixo as ordes do Meco. Unha celebración que no caso do CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas do Barco terá un marcado carácter reivindicativo e en feminino que arrancará o vindeiro luns.

De feito o seu non é un Meco senón unha Meca e nesta ocasión quixeron darlle á semana un sentido máis cercano, tratando temas de actualidade e representativos da comarca de Valdeorras da comunidade. Así, o luns 21 de febreiro será o Día da Sanidade e os alumnos deberán levar algunha ou varias prendas relacionadas cos médicos e enfermeiros/as “en apio ao noso Hospital Comarcal, a nosa Sanidade, pública e de calidade”, puntualizan dende o centro barquense.

 

As Ordes da Meca para o luns 21 de febreiro.

 

O martes 22 de febreiro será o Día das Letras, en homenaxe ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán pero tamén a outros como Rosalía ou Castelao. E tampouco da música tradicional galega se esquecen no Entroido do CEIP Julio Gurriarán, adicando o mércores 23 de febreiro ás pandereteiras en xeral e ás Tanxugueiras en particular, “tradición e modernidade nunha”, puntualizan dende o colexio.

Chegando ao final da semana, para o xoves 24 de febreiro reservan o Día do Pixama, todo un clásico; rematando o Venres de Entroido cunha festa rachada, cada un disfrazado como máis lle goste, con música e baile.

Coma sempre, dende o centro lembran que para esta semana non é preciso mercar nada. “Hai que darlle á imaxinación e buscar complementos divertidos, rebuscando entre a roupa dos avós coma sempre se fixo, porque esa é a esencia do Entroido”, conclúen.

 

Artigos relacionados

Back to top button