OurenseÚltima hora

Valdeorras estará representada na 25 edición de Xantar con dous restaurantes

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico celebrarase en Expourense do 24 ao 27 de outubro con 90 expositores, 5 restaurantes, 5 países representados e 63 adegas con 113 referencias de viño galego

Presentación da 25 edición de Xantar.

 

Xantar cumpre 25 anos de traxectoria promocionando a calidade dos produtos do agro e do mar galegos, a profesionalidade dos profesionais da hostalería e o papel que xoga a enogastronomía á hora de elixir Galicia como lugar de visita. O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, a única feira internacional de turismo gastronómico de España presentou esta mañá os datos da súa 25ª edición que se celebrará en Expourense do 24 ao 27 de outubro.

Expourense converterase a partir deste xoves no epicentro do turismo enogastronómico peninsular a reunindo a 90 expositores aos que hai que sumar 63 adegas expositoras a maiores e con 5 países representados (España, Portugal, Perú Costa Rica e Australia). Contará con 4 restaurantes, 1 zona de tapas, 2 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia. Conta ademais cun Túnel do Viño, de acceso profesional, que presenta un total de 113 referencias de viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Rías Baixas) e da IXP Val do Miño.

A 25ª edición de Xantar era presentada na mañá deste luns 21 de outubro en Expourense nun acto que contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; do director da Axencia Galega de Calidade alimentaria (AGACAL), Marín Alemparte; da directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; do deputado de Turismo e de Representación Institucional da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; do xerente do restaurante Bágoa de Ourense, Martín Fernández, e do director de Xantar e director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

 

 

Trátase dunha edición especial que chega con importantes novidades que teñen o obxectivo de animar a participación dos profesionais da hostalería de Galicia convocando para iso o 1º Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia, cuxos gañadores participarán no Campionato de España de 2025. Nesta liña tamén acolle o 1º Campionato Mellor Burger de Galicia que conta con categoría profesional e amateur.

Por outra banda, Xantar volverá poñer en marcha as distintas accións para atraer maior número de visitas e para animar ao público de proximidade a participar na feira. A entrada ao salón seguirá sendo gratuíta. Tamén será gratuíta, ata completar aforo, a participación en calquera das 140 actividades que ofrece o programa desta edición e que inclúen talleres de cociña en directo, catas comentadas de produtos como veu, queixo, mel ou conservas, ou a presentación, con degustación, dunha vintena de festas gastronómicas de Galicia.

Xantar 2024 conta coa participación das catro deputacións provinciais de Galicia, de varios xeodestinos e GDR (Ribeiro-Carballiño, Trevinca-Valdeorras, Terra de Celanova-Serra do Xurés) e de numerosos concellos galegos das 4 provincias que participan de forma independente para promocionar o seu turismo gastronómico. Tamén conta coa participación de entidades do resto de España. Na presenza internacional destaca un ano máis a presenza de Portugal.

No ámbito da restauración Xantar 2024 contará con catro restaurantes no formato habitual nos que se ofrece un menú pechado elaborado a base de produtos autóctonos de calidade do destino do que procede o responsable do restaurante. Este ano mantense ademais o restaurante “Xantar Tapeando”, unha gran “Zona de Tapas” con comedor central no que as visitas poderán elixir entre distintos tipos de comida axustando a elección ao seu apetito e orzamento.

 

Restaurante de Valdeorras./ Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

Dentro da restauración tradicional de Xantar, esta edición contará con 4 restaurantes. O INORDE non faltará tampouco este ano co seu restaurante desde o que promocionará a riqueza enogastronómica da provincia de Ourense contando coa colaboración de empresas ourensás e promocionando a raza autóctona “Ovella Galega”. A comarca de Valdeorras estará representada a través de dous restaurantes. O primeiro promocionará as festas gastronómicas de Valdeorras e onde non faltará o tradicional cocido, o botelo do Barco ou o codillo da Rúa acompañado dunha degustación das sobremesas típicas da comarca e regado con viños da D.O. Valdeorras. O outro restaurante de Valdeorras estará centrado na promoción da gastronomía tradicional que desde hai décadas ofrece o restaurante rues Mantesil con opcións como a empanada de maravallas ou o arroz con androlla.

As novidades do salón poden seguirse a través da súa web www.xantar.org ou das redes sociais www.facebook.com/Xantar. O horario será de 11 da mañá a 1 da madrugada, excepto o domingo 27 de outubro, que a feira pecha ás 18h. Este ano haberá tamén música en directo con dous concertos: o venres 25 ás 20.30 h. acturá A Roda e o sábado 26 de outubro ás 21h. Broken Peach.

A inauguración oficial será o xoves 24 de outubro ás 13h. e correrá a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez. O actor ourensán Sergio Pazos exercerá de pregoeiro.

Artigos relacionados

Back to top button