ConcellosÚltima horaVídeos

Valdeorras festexa o seu “primeiro orgullo LGBTQIA+”

Ao longo deste 30 de xuño realizábanse diversos actos na Rúa e no Barco

 

Numerosas persoas participaban neste venres 30 nos acto organizados na Rúa (ao mediodía) e no Barco, a partir das 19h., “para festexar e reivindicar con orgullo os dereitos da Comunidade LGBTQIA+ e unha Valdeorras sen discriminación de identidade de xénero ou orientación sexual”, en palabras dos promotores.

En ambos concellos procedeuse a ler sendos manifestos que se referían aos “grandes avances que se deron nos últimos anos”. Pero tamén se facía énfase no moito que queda por facer, “dado que saír do armario na comarca “non é sempre un paseo” “, como sinalaba o manifesto da Rúa. Aludíase tamén a que entre todos “temos a obriga de frear os retrocesos en dereitos” e en que “nunca haberá igualdade ata que non protexamos ás persoas máis vulnerables do colectivo LGBTIQA+. E sobre todo, ata que non blindemos os dereitos conquistados”.

Así mesmo destacábase que “temos a obriga de deter esta espiral de violencia xeralizada, promovendo un modelo baseado na educación, porque do mesmo que a homofobia é algo que se aprende, tamén podemos aprender a respectar ás persoas do colectivo”, sinalaba o Manifesto do Barco.

Esta lectura precedeu, nesta vila, á actividade festiva que se combinou coa reivindicativa co concerto do grupo Distopik, nunha necesaria fusión de ocio popular e reivindicación dos dereitos destes colectivos.

 

 

Dende a organización vén de amosarse o seu agradecemento “a todas as persoas, organizacións e institucións que, co seu traballo e esforzo fixeron posible a organización do primeiro orgullo LGBTQIA+ na comarca, o primeiro de moitos. Por unha Valdeorras inclusiva e diversa”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button