EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Valdeorras, segunda denominación en importancia en vendas na hostalaría dentro de Galicia

Rías Baixas é a denominación líder na comunidade tanto no eido alimentario coma no hostaleiro, seguida de Ribeira Sacra na alimentación

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os viños galegos son os que máis incrementaron o seu valor a nivel nacional na alimentación e no sector hostaleiro no 2021. Así o reflicte o informe “O mercado español dos viños galegos: Alimentación e hostalería”, elaborado pola multinacional Nielsen en colaboración coa Xunta e cos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas.

Deste xeito, o valor dos viños galegos aumentou no ano 2021 un 9% con respecto ao 2020 e máis dun 15% con respecto ao prezo do 2019, na canle da alimentación. Este dato converte a nosa comunidade na líder neste eido, cunha vantaxe significativa con respecto a outros territorios.

Ademais do prezo de venda, Galicia tamén lidera o prezo de compra por parte dos establecementos hostaleiros. Máis concretamente, o viño con denominación de orixe (DO) procedente da nosa comunidade tivo de media no 2021 un crecemento superior ao 1,5% con respecto ao prezo do 2020 e do 5,2% con respecto ao prezo que tiña no ano 2019.

Os viños con DO de Galicia experimentaron, en conxunto, un incremento de vendas do 0,9% entre os anos 2020 e 2021. A maiores, na canle de alimentación, o prezo medio dos viños galegos situouse por riba do resto de comunidades autónomas. En hostalería, o crecemento foi dun 21,8%, cun incremento dos prezos máis moderado que en alimentación.

No que atinxe ao ámbito da nosa comunidade autónoma, dentro de Galicia a de Rías Baixas é a denominación líder tanto no eido alimentario coma no hostaleiro, seguida de Ribeira Sacra na alimentación e de Valdeorras na hostalería.

Reparto de vendas

No estudo tamén se recolle a evolución do reparto das vendas de viño con DO de Galicia na hostalería e na restauración. Neste sentido, apréciase un incremento da porcentaxe de venda na canle de alimentación (pasouse do 39,9% no 2019 ao 52,8% no 2021).

Os viños galegos con DO acadaron no ano 2021 unha cota de mercado no ámbito nacional (dentro do sector da hostalería) do 8,1% canto ao volume de vendas e do 9,7% en valor. Situáronse así por riba de territorios como Cataluña, Aragón, Navarra ou Castela a Mancha, sendo unicamente superados por Castela e León e La Rioja.

Por denominacións de orixe, salienta a posición nacional de Rías Baixas, tamén na canle de hostalería, que acada o 3,9% do volume de vendas e o 5,1% en valor, superando a territorios de gran tradición vitivinícola como Navarra, Somontano ou Cariñena, e sendo unicamente sobrepasada por Rioja, Ribera del Duero ou Rueda. Cómpre indicar, ao tempo, que a DO Ribeiro acada unha cota do 1,6% neste eido, tanto en volume como en valor.

No informe recóllese así mesmo información sobre a evolución positiva anual das vendas de viño da DO Rías Baixas en España (sumando as canles de alimentación e de hostalería). Así, constátase un incremento do 3,1% entre 2020 e 2021, pasando dos 12,6 millóns de botellas no 2020 aos máis de 13 millóns no 2021.

Artigos relacionados

Back to top button