O estalido do conflito en Ucraína tocaba moi preto ao Grupo Transpais, unha de cuxas sedes en España está en Galicia, en concreto no Polígono Industrial do Rebullón en Vigo. “A nosa central está en Cataluña e tamén temos sede en Madrid, 2 en Francia, 1 en Polonia e en Bulgaria. E na base de Polonia contamos cuns 80 traballadores ucraínos que son chóferes, entón a partir disto, a nós xa nos colleu dende o primeiro día o tema da guerra”, conta Manuel Busto, representante do Grupo Transpais en Vigo.
Ademais explica como a través da súa base en Bulgaria “intentamos ir soluciando os problemas dos traballadores, eles estaban en Europa, pero as súas mulleres e fillos non, entón algúns foron algúns saíndo, pero máis da metade aínda permanecen en Ucraína e con problemas para poder saír. Entón estamos intentando axudarlles de todas as maneiras posibles no que necesiten, porque a tensión que ten esta xente no día a día é tremenda, pendentes das noticias mentres agardan a que as súas familias poidan saír do país”.
Nesa mesma liña, o Grupo Transpais comezaba a organizar un envío de axuda humanitaria a Ucraína, a través da Cruz Vermella Polaca e da súa delegación de Polonia en Lublin. “A base que temos en Polonia atópase a uns 100 km da fronteira ucraína. Entón enviamos a todos os nosos clientes unha comunicación indicándolles que, para aqueles que quixeran colaborar, iámoslles poñer unha serie de camións para mandar a axuda humanitaria e nós faríamos cargo dos gastos do envío destes camións. Hai clientes que respoderon, e un deles foi Pizarras Tres Cuñados”, comenta Manuel Busto.
Así, Valdeorras sumábase á iniciativa. Dende Pizarras Tres Cuñados empezouse a difundir a iniciativa, á que tamén se incorporaba GLS do Barco, que se encargará de levar o reunido ata a sede de Transpais en Vigo. “O problema loxístico, que é o que se dá moitas veces á hora de enviar axuda humanitaria, co proxecto de Transpais no existe, porque xa eles se encargan de enviar o transporte ata Lublin, que é unha cidade polaca que está preto da fronteira ucraína, preto de Leopolis. Nós estamos difundindo esa información, GLS no Barco ofrécese voluntariamente a transportar todo o que se poida recoller dende aquí. A data límite de recollida sería o vindeiro luns, que día no que se mandaría para que chegase a Vigo antes do mércores, esa sería a data tope para a recepción da mercadoría”, sinalan dende Pizarras Tres Cuñados.
Os puntos de recollida do material en Valdeorras serían, polo de agora tres:
– Oficina de GLS no Barco, en Avda. Manuel Quiroga, 12, baixo (a o próximo luns)
– Pizarras Los Tres Cuñados, en Lugar Landoiro, s/n, Casaio, Carballeda de Valdeorras (ata o próximo luns)
– Sede do Club F.S. Pizarras Los Tres Cuñados (ata o vindeiro venres e en horario de escolas deportivas), no pavillón polideportivo de Calabagueiros.
Ademais, dende Pizarras Tres Cuñadas anímase a máis empresas a participar nesta iniciativa, “nós abrimos un pouco o horizonte, isto está aberto e esperamos que se sumen máis empresas, especialmente do transporte”.
Unha vez en Lublin, a Cruz Vermella sería a encargada de repartir este material humanitario “entre os ucraínos que están saíndo ou ben de introducila dentro de Ucraína”, engade Manuel Busto.
O material que Cruz Vermella lles comunicaba que era “de extrema necesidade” é o seguinte:
APÓSITOS E PRIMEIROS AUXILIOS
Especialmente para feridas e queimaduras, mantas térmicas, apósitos estériles, compresas estériles, parches lumbares, vendas elásticas, solución salina, soro fisiolóxico desinfectantes, luvas refugables, vendas estériles, torniquetes, tesoiras de multiuso. Medicamentos para queimaduras, paracetamol, ibuprofeno, pastillas potabilizadoras de auga.
PROTECCIÓN CONTRA O CLIMA
Mantas, sabanas, almofadas, colchóns, camas de campaña e roupa de abrigo.
ALIMENTOS NON PERECEDOIROS
Alimentos enlatados, aceite, azucre, pasta, fariña, sémola, arroz, té, café, doces, leite UHT, verduras/froitas enlatadas (p. ex., frijoles, chícharos, millo, piña, pexego), puré de tomate en caixas de cartón , froitos secos, noces.
COSMÉTICA E QUÍMICA
Xeles de ducha, champús, xabóns, cepillos e pastas dentais, cremas protectoras, toallas hixiénicas, cueiros para nenos, deterxentes líquidos, lavalouzas.
O Grupo Transpais está a reunir este material nas nas súas sedes de Vigo, Cabanillas del Campo e A Selva do Camp. A data límite para a recepción destas doazóns será o 16 de marzo do 2022.
Iniciativa aberta
A iniciativa de Transpais de enviar material humanitario “está aberta a clientes, concellos, ONGs…, de feito, algunhas ONGs estannos chamando preguntando se temos espazo nos camións. Entón ou ben nos achegan o reunido á nosa base, ou se poñen en contacto con nós e buscamos a forma de recollelo nalgunha parte. E agora mesmo xa temos case 2 camións dende Galicia preparados para enviar”, sinala Busto.
Máis información:
Pizarras Tres Cuñados (telf. oficina-axuda humanitaria) 616 00 08 65