
Salto ao mundo dixital na vindeira colleita en Valdeorras. O número de quilos recollidos, datos por variedades, zonas… serán monitorizados nesta denominación de orixe en tempo real grazas ao desenvolvemento dunha app específica para o seu consello regulador. O anuncio facíao o presidente da D.O. Valdeorras, José Luis García, tras o pleno celebrado o 17 de xullo.
“Coa habilitación desta aplicación, o Consello Regulador experimenta un salto cualitativo posto que diferentes procedementos administrativos relacionados coa vendima que ata o de agora se realizaban de xeito analóxico, pasan a dixitalizarse”, indica García Pando.
A nova app, que será presentada proximamente aos adegueiros, posibilitará fomentar o proceso de transformación dixital no seo do Consello Regulador. A empresa que se ocupou de desenvolvela ofrecerá formación sobre o seu emprego a todos os membros do sector vitivinícola valdeorrés, posto que o seu uso será obrigatorio na próxima campaña, segundo se informa dende o consello.
Xunto a isto, o pleno deste órgano réctor aprobaba o procedemento de auditoría de vendima e as normas da vindeira campaña para vedores, adegas e explotadores, que sofren lixeiros cambios para adaptarse aos requirimentos esixidos por ENAC. “Destas novas normas informarase tamén, proximamente, polo
miúdo aos membros do eido vitivinícola de Valdeorras”, afirmou García Pando.