CulturaEducaciónÚltima hora

Verín impulsa unha campaña para concienciar ao alumnado sobre o Covid

Esta estratexia educativa estará cofinanciada polo Concello e por tres centros de ensino medio deste municipio

 

“Porque máis é menos e saúde e enfermidade teñen unha relación inversa, apostar pola información e a concienciación en medidas hixiénicas debe servir para reducir o impacto da COVID-19”. Así o cre o Concello de Verín que mañá luns, 16 de novembro, porá en marcha unha campaña de conciención dirixida aos escolares.

Comezará no Colexio Apostólico Mercedario e nela que participarán 17 aulas de ESO deste centro e dos IES Castro de Baronceli e Xesús Taboada Chivite. Outra das premisas desta acción é que “a participación directa en experiencias impactantes pode ser un excelente medio para transmitir contidos de educación para a saúde e para fixalos de modo permanente nas persoas participantes”, indica o Concello.

Esta campaña, que medirá o poder dos experimentos na creación de conciencia fronte ao Covid-19, foi concibida e será executada ou dirixida por Fátima Fernández Piña, experta en educación en saúde, licenciada en Farmacia, Enxeñeira Técnica Agrícola, Máster en Profesorado de ESO e Bacharelato e alumna do Máster en Saúde Internacional e Cooperación da Universitat de Barcelona.

“Para coñecer a validez desta estratexia educativa, o uso de algo tan denostado nos nosos valores culturais como os esputos ou os esbirros servirá para coñecer a diferenza entre virus e bacterias e a importancia de hábitos hixiénicos para evitar a súa transmisión. A estampación de máscaras usadas será o medio directo para comprender as diferenzas na acción protectora dos tipos de máscaras que hai no mercado, e indirectamente servirá para transmitir as dúas principais hipóteses sobre a orixe Covid-19 que manexan os informes científicos”, adiantan dende o Concello.

Ademais, un experimento de cromatografía caseira con alcohol e rotuladores permitirá explicar como se fai un test de anticorpos e para poder comprender a diferenza entre glóbulos brancos e vermellos, e entre antíxenos e anticorpos, entre outras cousas.

Así mesmo, un experimento con xabón valerá para que as persoas participantes entendan a diferenza entre lavar e desinfectar e aprendan a diferenciar as accións protectoras de alcohol e xabón fronte ao Covid-19 e outras enfermidades infecciosas.

Na aula

Esta acción educativa desenvolverase no medio natural das persoas participantes, na aula na que pasan a maior parte do curso na súa formación académica. O tempo previsto é o dunha clase, polo que substituirá unha das clases previstas nesa xornada lectiva.

Como complemento, antes da acción formativa, as persoas que participen cubrirán un cuestionario en formato dixital que servirá para coñecer a información que posúen sobre os contidos nos que se centra a acción e a súa curiosidade con relación aos mesmos. Finalmente, convidarase a todas as persoas participantes, de novo a través dun cuestionario que cubrirán no seu ordenador ou teléfono, a que avalíen o impacto da formación.

Estudo

Toda a información recibida a través dos cuestionarios, despois da súa sistematización estatística, servirá para fundamentar un estudo que se presentará na Universitat de Barcelona, institución que lidera os principais rankings científicos no ámbito español da formación. Ademais, será transmitida ás catro entidades que copatrocinan a acción (IES Xesús Taboada Chivite, IES Castro de Baronceli, Colexio Apostólico Mercedario e Concello de Verín), para que poidan desenvolver novas intervencións en educación para a saúde.

Artigos relacionados

Back to top button