En portadaOurenseÚltima hora

Verín leva a pleno un orzamento de case 14 millóns para este ano, dos que 3,5 millóns irán a investimentos

A sesión plenaria celebrarase o vindeiro luns 4 de maio, de forma presencial "pero coas medidas de seguridade recomendadas"

Exterior da Casa do Concello de Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Verín celebrará o vinceiro 4 de maio un pleno “presencial pero coas medidas de seguridade recomendadas” no que se someterá a votación un orzamento de preto de “14 millóns de euros que repercutirán directamente na economía local. Especialmente destacable é o capítulo de investimentos, que destinará durante este ano 3,5 millóns de euros (un 250% máis que en 2019) a unha inxección directa de obras e proxectos que, ademais de melloras e modernización para a vila, repercutan directamente na economía local”, sinalan dende o grupo de goberno. Xa anticipan tamén que, case inmediatamente, haberá unha modificación para facer fronte aos efectos da crise.

A Comisión especial de Contas, Economía e Facenda ditaminaba neste sábado 25 de abril os expedientes para a aprobación en pleno o próximo luns de tres documentos que porán sobre a mesa 13.963.237,05 euros. Dende o grupo de goberno destacan a oportunidade do momento, pola necesidade de facer investimentos reais no tecido produtivo de Verín, e detalla que os 3,5 millóns do orzamento que se aprobarán no pleno son “de inversión neta. Outro 1,5 millóns de euros liquidará os pagos a provedores do Concello de Verín”.

O tenente de alcalde, Diego Lourenzo, asegura que “coa aprobación deste paquete orzamentario, e coa liquidación do pago a provedores, cumprimos e pechamos a folla de ruta prevista antes da emerxencia do coronavirus”. “O goberno ponse agora”, anticipa Lourenzo, “a preparar unha modificación orzamentaria que, posiblemente xa neste mes de maio, detone outro paquete de medidas extraordinario e específico para relanzar a economía local, con cambio de prazos tributarios e exencións fiscais incluidas”.

Os documentos que hoxe aprobou a comisión de pleno foron varios, co orzamento e recoñecemento extraxudicial de crédito entre eles. A aprobación do orzamento 2020 para o municipio de Verín, “inclúe unha partida de inversións realmente excepcional, de 3,5 millóns de euros”, explica o alcalde, Gerardo Seoane, “ten que ser agora, cando os nosos veciños e as nosas empresas máis o necesitan”.

Destaca especialmente polo incremento no esforzo inversor nos presupostos “xa non tanto pola necesidade de modernizar a vila, como viñemos facendo ata o de agora, senón de servir de motor para a economía local, se tal e como se prevé esta acusa un duro golpe pola crise sanitaria”. Concretamente, a cantidade prevista para inversión será de 3.420.713,14 euros, “a máis elevada dos últimos exercicios, en porcentaxe un 250 por cento máis que en 2019”.

Asimismo, no vindeiro pleno da Corporación verinesa incluírase a aprobación dunha operación de tesourería para pagar inmediatamente a provedores 1,5 millóns de euros, “outra inxección económica directa cando máis se necesita”. Asimesmo, un recoñecemento extraxudicial de pagos “porá ao día todos os pagos do municipio”, e pechará –tamén para aprobación no “macropleno” do 4 de maio- os períodos económicos anteriores de Verín.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button