Fai un tempo que Fátima N. Delgado, natural do Barco de Valdeorras, decidía “pechar os ollos e abrir a boca para berrar de dor, pracer, fame e angustia”, tal como ela mesma di. Foi entón cando “vomitou cada un dos seus anacos ata que se desfixo enteira, xogando coas palabras, espindo o seu corpo e parindo a súa alma de nómada, de feirante”.
Vive en Madrid dende hai unha década, onde mestura a súa vida poética coa de actriz e dramaturga, pero regresa a casa sempre que pode e desta volta, facíao cun novo traballo no peto. Un poemario que prestaba na tarde do 23 de decembro no café teatro Bajo Cinco.
Acompañada polo rítmico son da música electrónica e diante dun atento público, Fátima foi degranando parte dos segredos que agocha Ninfopoética, unha oda ao corpo, aos desexos e aos soños de xuventude. “Un libro que nos fai lembrar que todos nós precisamos rexuvenecer, no que a autora nos envolve con ardor e fainos sentir vivos”, en palabras do editor, Wladimir Vaz.
A presentación contaba asemade coa presenza da poeta ruesa, Asunción Arias.
Fotos: Mónica G. Bellver, expecto a penúltima da galería que é cedida.