ConcellosÚltima horaVídeos

VI Xornada de Convivencia de AVPC reúne en Ourense a máis de 500 voluntarios

 

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participaba na mañá deste sábado 22 de outubro, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na presentación no Auditorio Municipal de Ourense, da VI Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil que contou coa participación de máis de 500 voluntarios e voluntarias de 82 asociacións de España e Portugal.

Diego Calvo destacou que esta xornada serviu de punto de encontro para poñer en valor o labor altruísta que levan a cabo a diario os máis de 5.000 efectivos das 233 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da comunidade en apoio aos servizos de emerxencias. De feito, foron recoñecidos  na entrega de medallas e na homenaxe polo traballo feito durante as vagas de incendios do pasado verán na provincia ourensá, con máis de 150 operativos para atender ás persoas desaloxadas por mor dos lumes.

 

Autoridades na apertura da xornada de convivencia.

 

Pese a tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta “manterá o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos nos orzamentos de 2023”, dixo Calvo adiantando que se destinará “1 millón de euros a dotalos do equipamento necesario, que se suman ao investimento histórico de 24 millóns de euros desde 2009 e dos que 14 millóns corresponden ás AVPC”.

Entre o material cedido os concellos neste período, tanto agrupacións de Protección Civil como GES, inclúense 208 vehículos todoterreo, 187 remolques de emerxencias, 123 tendas de campaña de emerxencias, 98 esparexedores de sal, 70 embarcacións, 65 furgóns de emerxencias e 23 de servizos varios, 34 equipos de excarceración, 43 coitelas quitaneves, 21 motobombas, 4 UTV e 212 equipos de protección individual contra a vespa velutina. No caso concreto das AVPC destacan 182 vehículos tipo pick-up e 170 remolques de emerxencias xunto con material específico para facer fronte ás emerxencias nos concellos de montaña onde son frecuentes nevaradas e nos costeiros ou con encoros.

 

 

Actividades programadas

Na xornada de hoxe realizáronse diversos talleres prácticos guiados por profesionais de organismos relacionados co mundo das emerxencias e destinados a grupos reducidos de voluntarios de protección civil. Así, participaron a Unidade Cinolóxica da Garda Civil, cos seus cans adestrados na Busca de Persoas Desaparecidas, a Unidade Militar de Emerxencias (UME), a Unidade de Drons dos Bombeiros da Mancomunidade de Terra de Celanova e o recentemente creado GES de Maceda, que levou a cabo un rescate nun accidente de tráfico.

Ademais, as persoas participantes puideron desfrutar, grazas a Fundación Estanislao Reverter, do mítico coche de rallyes Alpinche, encadrado dentro do taller sobre seguridade en rallyes; mentres que os bombeiros fixeron unha exhibición de rescate en altura e os efectivos das AVPC de Castrelo e Ourense, xunto coa empresa Jet Vigo, levaron a cabo prácticas de rescate acuático.

Tamén participaron no evento o Grupo de Apoio Loxístico a Intervención (GALI) pertencente a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), xunto co helicóptero de salvamento e rescate PESCA I do Servizo de Gardacostas de Galicia ou o H4 de Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.

 

 

Máis información e fotos no seguinte enlace: https://osil.info/voluntarios-do-oriente-ourensan-na-vi-xornada-de-convivencia-de-agrupacions-de-proteccion-civil-en-ourense/

Artigos relacionados

Back to top button