Conta atrás para a cuarta edición da Mascarada Ibérica no oriente ourensán. Este evento de carácter cultural e etnográfico desenvolverase na fin de semana do 13 e 14 de xaneiro. Comezará cun percorrido de mascaradas na tarde do 13 de xaneiro en Viana do Bolo e continuará con outro desfile ao día seguinte pola mañá en Vilariño de Conso.
Nesta edición medra o número de festas de inverno participantes ata chegar a rozar as 40. Boa parte delas serán celebracións de Entroido da provincia de Ourense, entre as que destacarán os folións, pero tamén haberá máscaras doutras parte de Galicia, así como de zonas veciñas como León, Zamora, Asturias ou o norte de Portugal.
Esta iniciativa será promovida novamente pola Comisión Entroido 2018 de Viana do Bolo e pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, xunto con outras entidades e contando coa colaboración dos Concellos de Viana e de Vilariño de Conso.