Co obxectivo de “recoñecer o importante labor que realiza día a día o voluntariado”, e ao mesmo tempo facilitar o intercambio de experiencias entre as persoas que dedican parte do seu tempo a axudar a os demais desde os distintos proxectos que se levan a cabo, Cruz Vermella celebra o Encontro Provincial de Voluntariado, que este ano chega á XIX edición en Viana e A Gudiña.
No acto institucional, que se celebrará o sábado 28 de setembro ás 11:15 horas no salón de actos da Casa de Cultura de Viana do Bolo, entregaranse os diplomas de recoñecemento á acción voluntaria a persoas merecedoras desta distinción “pola súa implicación e entrega nas asembleas de Cruz Vermella na provincia de Ourense”, aseguran dende a institución.
O programa inclúe ademais a actuación do grupo de teatro de persoas maiores de Cruz Vermella na comarca de Viana, Conso-Frieiras, e un xantar de confraternización na Gudiña.