En portadaGalerías de fotosTempo de EntroidosÚltima hora

Viana reúne rituais e máscaras de diversos puntos da península

A segunda xornada da Mascarada Ibérica no oriente ourensán celebrarase na mañá do 17 de xaneiro en Vilariño de Conso

Un potente e numeroso folión da Asociación “Xuntos polo Folión” de Vilariño de Conso abría na tarde do 16 de xaneiro a II Mascarada de Viana do Bolo. Cos Boteiros, bombos e aixadas encetábase unha longa e diversa comitiva na que se reunían algunhas das mascaradas máis singulares da península.

Ademais dos folións rurais de Viana, das Carrelas e o do Casco antigo (tamén desta vila), precedidos por un gran número de Boteiros que abrían pasado e non cesaban de correr, estaban o de Buxán e o a Mourela p’acá (Manzaneda), cuxas mázcaras danzan aínda que cun toque e un xeito moi diferente.

Desfilaban asemade polas rúas vianesas os Caretos de Parada e Lazarim (Portugal), que interaccionaban de xeito especial co público, a Talanqueira e a Visparra de San Martín de Castañeda (Zamora) e a de Vigo de Sanabria (Zamora), o Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba, Lugo) cun engaiolante e colorista Volante e numerosos Peliqueiros, os Vellaróns de Riós, os Troteiros de Bande, os Peliqueiros e Parranfón de Campobecerros, os Sidros de Valdesoto (Asturias) e o Antruido Pare de Piasca (Cantabria).

Multitude de persoas seguía este colorista e intenso desfile que remataba ao redor das oito da tarde na praza Maior da vila ao ritmo do folión alternativo de Viana do Bolo. De seguido, os participantes facíanse unha foto de conxunto e, pouco despois, eran agasallados cunha merenda por parte da organización.

Esta mascarada completará o seu programa na mañá do domingo cun novo desfile, desta volta no veciño concello de Vilariño de Conso, onde de novo estes coloristas, sorprendentes e ancestrais rituais de inverno tomarán de novo as rúas.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez
Máis información e fotos na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button