Anos atrás xurdía a iniciativa de realizar unha baixada popular do río coincidindo coa celebración do Descenso do Sil, nas Festas do Cristo do Barco. Dende hai 7 anos o material necesario para poder realizar este “descenso popular” alúgao Vianova Aventura. “Penso que é unha maneira de potenciar e de poñer en valor o río”, destaca o responsable desta empresa valdeorresa, Iván Valle.
Ese material son kaiaks, remos e chalecos que esta empresa pon a disposición das persoas interesadas en baixar. “O material alúgase e lévase ata o punto de saída, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), e despois recóllese ao rematar o descenso”, explica o responsable Iván Valle.
O Descenso Popular do Sil é unha proba cuxa saída se dá antes da competición oficial e que nesta edición será organizado polo Concello do Barco coa colaboración dunha empresa. Está programado para a tarde do sábado 16 de setembro.”A diferenza doutras edicións, neste 2023 hai unha empresa de fóra da comarca que creou unha plataforma para facer as inscricións, pero o servizo do material ségueo dando Vianova Aventura como todos os anos”, matiza Valle.

Ademais, Valle anima a veciños e visitantes a participar neste singular descenso, cun marcado toque festivo e no que tamén se acostuma dar renda solta á creatividade e o humor.
Na galería de fotos pode verse o material de Vianova Aventura en anteriores edicións do descenso popular do Sil. Fotos cedidas.