A neve, o bike park e o parque de aventuras. Son os tres piares sobre os que se asenta a actividade da renovada Estación de Montaña Manzaneda que reabrirá as portas o vindeiro 12 de xuño cunha reforma case integral e o obxectivo da desestacionalización e o traballo para un público familiar.
Así o adianta o seu director, Víctor Manuel Picos Romero, para quen a diferenza desta infraestrutura con respecto ás estacións máis próximas da Cordilleira Cantábrica, son precisamente as instalacións. “Ningunha destas ten polideportivo, restauración, piscina climatizada, spa, paitball, tirolina,… É dicir as actividades de verán”, asegura.
¿Cales son os obxectivos da Estación de Montaña Manzaneda para esta nova etapa?
O principal é desestacionala e crear un parque de aventuras. Se vén a neve estamos preparados para a práctica de esquí pero pretendemos darlle outro enfoque cara á familia. En realidade contamos con tres piares básicos que son a neve, o bike park e o parque de aventuras que é o que está pensado para toda a familia, para que incluso os nenos máis pequenos poidan vir a un parque multiaventura permanente con tirolina incluída (un servizo que queremos potenciar), que os máis maiores poidan tirar con arco, que un poida facer unha ruta a pé no caso de que non lle goste a bici, que ouro vaia ao bike park… A idea é conseguir unha estación de montaña para todos os públicos, nos que toda a familia poida pasar o día ao aire libre na Serra de Queixa e desfrutar da montaña cunha boa oferta de restauración destacando os produtos da zona.
Unha das apostas máis forte é o bike park, ¿que características ten?
Exactamente. Está formado por cinco pistas (Rochas, Avalancha, Carqueixa Cabra Caveira e Medras). En total ampliamos en 1,7-1,8 quilómetros de pistas en todo o bike park, sendo a das Medras sobre a que máis actuamos. É de nivel verde e a que máis imos utilizar para potenciar a actividade familiar. Tamén melloramos todas as pistas con nova sinalíctica que non había, novas proteccións. En total son case 11 quilómetros de parque.
¿Cal será o horario da estación e a venda de entradas?
A desta fin de semana é unha preapertura para ir probando as instalacións co cal estamos vendendo online o pase “visit” que dá acceso ao telecadeira e á montaña, e o pase “bike park” e despois na taquilla física. Faremos filas como cando foi a tempada de esquí pero sen aforos, con todas as medidas anticovid activadas. Tamén abrimos A Tasquiña que é o bar que hai no remonte, con comida rápida, menu biker por así dicilo (pizzas, bocadillos, aperitivos,..). Con respecto aos horarios variarán en función da actividade.
A entrevista completa na vindeira edición de O Sil Deportivo.