Buscando un festival alternativo aos clásicos de música e bebida para a xente máis nova, nace VideaFest 24 A Rúa, unha proposta cultural diferente, tranquila, para poder bailar, degustar un viño ou desfrutar dunha obra de arte, e dirixida a un público dunha franxa de idade xa máis madura que se celebrará na ponte da Constitución, entre o 5 e o 8 de decembro na Rúa.
A presentación tiña lugar na mañá deste venres 29 de novembro no Concello por parte do concelleiro de Cultura José Vicente Solarat e o director do festival, Xoán Mariño, onde avanzaron que o evento incluirá música, cos concertos de Os Piñeiros Band, Dani Soldevilla, da Banda de Música e Cultura de Galicia e The Green Angels; cinema, coa proxección de Verano en diciembre e Paula, con P de Reme; visita a Adega A Coroa con cata comentada; e exposición e estudo aberto de “Lito” (José Manuel Álvarez Domínguez).

Tal como explicou o conelleiro, optaron por este formato, coas actividades en diferentes espazos e datas por non dispor “de momento dun espazo municipal aberto e axeitado”, con cal a maioría dos eventos serán no Centro Cultural Avenida, onde se poderán mercar as entradas a prezos moi asequibles e mesmo de balde. “O único que require reserva é o pack da cata na adega A Coroa, que terá prazas limitadas e poderán facerse a través dun Código QR”, dixo Solarat, destacando que entre a xente que participe sorteranse lotes de libros e unha obra do artista.

Un alicente máis para participar desta iniciativa do Concello da Rúa que conta coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Ourense.

Fotos e vídeo: O SIL.



