CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

VII Festival As Cores do Outono, esta fin de semana na Pobra do Brollón

Ademais de concertos, haberá propostas relacionadas coa poesía, baile, teatro e maxia

 

Esta fin de semana do 16 e 17 de outubro, celebrarase na Pobra do Brollón a sétima edición do festival As Cores do Outono, con diferentes eventos relacionadas coa poesía, o baile, o teatro, a maxia e por suposto, a música. “Tras a suspensión da cita o ano pasado por mor da pandemia, este ano volve para posicionarse como un festival folk de referencia no outono do sur de Lugo. Con esta edición especial queremos recuperar a esencia do festival, máis pegado á terra e tocando máis disciplinas artísticas alén da música,” declara o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

A programación comezará o sábado 16 ás 12:00 coa presentación na Casa da Cultura do novo poemario de Carlos Da Aira, Punto de Ignición, acompañado pola poeta Olga Novo.

Seguirá cun vermú ás 13:30 na terraza do Primeiro de Maio cunha sesión de música a cargo de Teresa Ferreiro. Esta artista e DJ procedente de Santiago de Compostela é coñecida polas súas sesións eclécticas e experimentais que mesturan xéneros como cancións de Leilía con techno.

Pola tarde ás 17:30 na área recreativa de Samugueiros terá lugar un obradoiro de baile tradicional a cargo de Montse Rivera, membro fundadora de Leilía. O obradoiro está indicado para persoas que xa saben bailar un pouco e incluirá puntos recollidos da zona.

Despois ás 19:00 haberá unha sesión de maxia co Mago Marco na Casa da Cultura, indicada para público familiar.

 

 

 

Concertos

A partir das 20:00 ábrense as portas para os concertos na Área recreativa de Samugueiros. Este ano serán unha aposta polo talento e música locais, comezando polo Combo Guimaralia, formado por músicos de gran recoñecemento na música tradicional vinculados ao municipio, como son Suso 40, Xián Herrera, Xosé Maceda, Pablo Bernárdez, Pablo Camarero e Óscar Sánchez.

Tras Combo Guimaralia será o concerto de ‘Músicas de Ferreiros’, o proxecto musical do gaiteiro Javier Franco, afincado en Madrid, no que recupera pezas da aldea dos seus avós na Pobra do Brollón. Este concerto será a presentación do proxecto e estará acompañado de músicos de gran traxectoria procedentes de dentro e fóra de Galicia, como Luis Caruncho (zanfona e brindos), Carlos Quintá (violín), Patricia Sánchez Seoane (voz), Javier Vizcaíno e Jesús Parra (guitarra), Javier López (acordeón), por nomear algúns dos que estarán tocando a noite do sábado.

As actuacións musicais rematarán coa coñecida agrupación de Sober, Os Parentes.

Un festival para poñerse en pé

Respectando todas as normativas vixentes, o festival contará con zona de baile de pé, onde non se poderá consumir nin fumar, e será obrigatorio o uso de máscara. Asemade haberá un espazo con cadeiras onde o público tamén poderá asistir sentado ao concerto. As zonas de baile e de cadeiras estarán separadas da zona de barra onde si se poderá consumir.

Esta separación dos espazos así como a obriga de ter os datos dos asistentes fai máis complexa a produción, polo que dende a organización piden colaboración e animan a que os asistentes vaian facendo as reservas con antelación.

“Queremos ofrecer o primeiro concerto de pé en case dous anos e ademais de xeito gratuíto. Só pedimos un pouco de colaboración enviando un WhatsApp para facilitarnos a labor,” comenta Maceda.

Programación para todos os públicos

O domingo 17 terá lugar unha obra teatral dirixida ao público familiar: Duncan de Palleiro, da agrupación Lîlâ Teatro. Será ás 18:30 na Casa da Cultura.

Ese día ás 12:30 haberá un vermú poético no que participarán poetas de diferentes puntos de Galicia: Antía Balvís, Lorena Fernández, Zaira Ferradás, Iago González, Ximena López e Marco Martínez. Ademais haberá micro aberto e música a cargo das Pandereteiras de Cántigas e Frores.

Todas as actividades son gratuítas, previa reserva no teléfono 650 624 828. As reservas fanse preferiblemente por WhatsApp, indicando nome completo e número de prazas. A excepción é a sesión de música de Teresa Ferreiro, que se reserva directamente no bar Primeiro de Maio, no teléfono 982 430 134.

En caso de chuvia, a organización publicará nas redes sociais do Concello da Pobra do Brollón se houbese cambio de emprazamento dalgún evento.

Artigos relacionados

Back to top button