Vilariño de Conso está a acoller o campo de voluntariado “Glaciar do Cenza”, onde cinco mozos e mozas de entre 18 e 30 anos están a realizar labores mediambientais e de conservación da natureza no concello. Levan instalados no albergue municipal de Vilariño dende o pasado mércores, 29 de xullo, e rematarán o vindeiro sábado, 8 de agosto.
A alcaldesa, Melisa Macía, explica que “este ano o campo de traballo tivo que facerse de carácter autonómico polo tema da pandemia, pero os tres anteriores foron internacionais”. Así, os labores que realizan van dende limpeza de sendeiros, dos castiñeiros centenarios de Soutogrande ou a praia fluvial ata levar a cabo carteis de madeira para as fontes e os fornos.
Os voluntarios teñen as tardes libres, as cales utilizan para descubrir a zona, con rutas de BTT, sendeirismo ou piragüismo. Ademais, Melisa Macía explica que fixeron unha actividade en colaboración coas xa programadas do Concello de Vilariño, a cal consistiu nun taller relacionado coa violencia de xénero.
Así, a alcaldesa móstrase moi satisfeita co traballo dos voluntarios, “sempre están dispostos a colaborar e queren aprender”, conclúe.
Fotos: Carlos G. Hervella, agás as da galería que son cedidas.