ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Vilariño de Conso e Medio Rural colaboran en recuperación de terras e prevención de incendios

A súa alcaldesa mantiña unha reunión telemática co conselleiro e con varios directores xerais deste departamento autonómico

Imaxe da reunión.

 

Nas posibilidades de poñer en valor diferentes terreos como pasteiros para o seu aproveitamento gandeiro e tamén coa finalidade de reforzar a prevención dos lumes forestais centrábase a reunión telemática que mantiñan a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e o conselleiro do Medio Rural, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán. No encontro participaban tamén os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Ademais abordábanse os traballos preventivos en vías de titularidade municipal, así como a mellora da operatividade e a distribución dos medios anti incendios no municipio en particular e en todo o Macizo Central ourensán de maneira xeral.

Por outra banda, avaliouse a oportunidade de promover unha aldea modelo, que podería localizarse arredor do núcleo de Soutogrande, segundo as primeiras valoracións que se están a facer tanto dende o propio Concello como por parte dos técnicos da Consellería.

En relación con figuras como esta das aldeas modelo ou a dos polígonos agroforestais, o conselleiro salientou que se trata de ferramentas que contempla a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en tramitación parlamentaria.

Esta norma, recalcou José González, ten como principal obxectivo promover a recuperación das terras en estado de abandono ou infrautilización para devolvelas á produción e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Desta forma, preténdese revitalizar o rural ao abeiro dos seus tres usos fundamentais -agrícola, gandeiro e forestal- e traballar así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e pola anticipación aos incendios.

Artigos relacionados

Back to top button