En portadaGalerías de fotosTempo de EntroidosÚltima hora

Vilariño de Conso, escenario de ancestrais rituais de inverno da península

Este concello acollía a segunda xornada do programa da Mascarada Ibérica no oriente ourensán

Dende o Toural ata as proximidades do colexio de Vilariño de Conso despregábase na mañá do 17 de xaneiro unha longa, colorista e sonora comitiva formada por algunhas das celebracións de inverno máis singulares da Península Ibérica. Tratábase do segundo desfile incluído na II Mascarada Viana do Bolo-Vilariño de Conso, que se desenvolvía nesta fin de semana no oriente ourensán.

O desfile, que atraía a numeroso público e fotógrafos, abríano os membros da Asociación de Folións Rurais de Viana do Bolo, precedida polas carreiras dos seus Boteiros. De seguido, sentíase o intenso toque do Folión da Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso, tamén acompañado dun bo número de Boteiros de diferentes pobos deste municipio.

Ademais formaban parte desta engaiolante comitiva os folións de Buxán (O Bolo), o da Mourela p’acá (Manzaneda), coas súas correspondentes Mázcaras que danzaban, e os das Carrelas e o Folión Alternativo (Viana do Bolo). Neste encontro participaban asemade outras mascaradas galegas como os Troteiros de Bande, os Peliqueiros e Parranfón de Campobecerros, ou un espectacular Volante de Santiago de Arriba (Chantada), acompañado por numerosos Peliqueiros.

Ademais podían verse festas de inverno doutros puntos da península como a Talanqueira e a Visparra de San Martín de Castañeda (Zamora), os Sidros de Valdesoto (Asturias), o Antruido Pare de Piasca (Cantabria) e ata tres celebracións do nordeste de Portugal: os Caretos de Salsas, os de Parada e os de Lazarim, especialmente interactivos co público que seguía o desfile e que, de cando en cando facían algunha falcatruada.

Ao rematar o percorrido, a organización ofrecía un xantar aos participantes no pavillón municipal de deportes, durante o cal actuaba a banda de gaitas de Vilariño, e entregáballes a cada un dos grupos unha placa como recordo. Esta II Mascarada Ibérica no oriente ourensán foi organizada pola Comisión do Entroido 2016 de Viana e pola Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso en colaboración cos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, e da SAGA.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button