O viño do Ribeiro aparece mencionado e ponderado nos textos de Miguel de Cervantes. Partindo de aí e tendo en conta que este ano se celebraban os 400 anos do facelemento deste autor internacionalmente coñecido, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro (en colaboración co Vicerritorado de Cultura da USC e a Fundación Dieta Atlántica, entre outras institucións) promoverá as “Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura” entre os meses de outubro e decembro e con actos en diferentes cidades galegas e tamén españolas.
O programa presentábase o 11 de outubro e incluirá ciclos de conferencias multimedia que versarán sobre temáticas como “O Ribeiro, lingua e literatura”, “O viño do Ribeiro na época contemporánea” ou “O Ribeiro: un vello complexo agrario”. Ademais durante as conferencias farase a presentación do viño especial do Ribeiro en homenaxe a Cervantes.
Tamén se organizarán mesas redondas en Vigo, Santiago de Compostela e Ourense, nas que participarán diversos expertos e que serán moderadas por Cristina Alcalá, xerente do CRDO Ribeiro, e polo historiados Xavier Castro. A primeira destas mesas terá lugar o 25 de outubro ás 20h. na Librería Mishima e nela contarase coa presenza de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega; e dos historiadores Luis Domínguez e Xavier Castro.