DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Vinte nenos desfrutan dun exitoso II Campamento Infantil de Espeleoloxía Águilas Verdes, en Rubiá

Desenvolvíase na fin de semana do 1 e 2 de xullo tendo como lugar de aloxamento o albergua da Federación Galega de Espeleoloxía en Covas (Rubiá)

 

Aprendían técnicas deportivas, como moverse no interior dunha cova e nos seus pasos, pero tamén a orientarse con mapa na natureza. Unha vintena de nenos e nenas de entre 7 e 14 anos participaban na pasada fin de semana II Campamento Infantil de Espeleloxía en Covas (Rubiá), organizado polo GEM (Grupo de Espeleoloxía e Montañismo) Águilas Verdes de Rubiá.

Trátase dunha exitosa iniciativa que combina a actividade deportiva infantil coa divulgación entre os máis pequenos dos valores da natureza e da montaña a través do descubrimento da súa contorna, ao mesmo tempo que fomenta a convivencia, a sociabilidade e o respecto.

 

 

Os participantes (de Rubiá, A Rúa, O Barco e Ourense) repetían logo da boa experiencia da primeira edición, nunha intensa fin de semana que se iniciaba coa recepción dos participantes no Poulo do Couso, en Biobra, para dese xeito facilitar a primeira das actividades en covas, prevista na mañá do 1 de xullo en Pala Xilberte, situada nesa mesma localidade. No interior desta cova, seguindo as orientacións dos monitores, aprendían como moverse con seguridade por pasos estreitos e tamén as singularidades desta cavidade.

 

 

Ademais os nenos realizaban outras actividades como sendeirismo (dende Pala Xilberte ata Covas) e iniciación á orientación cun mapa no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra no que tiñan que buscar puntos como a Aciñeira de Covas ou o forno de cal. Á noitiña había xogos para os participantes no campamento, que tiña como punto de aloxamento o albergue da Federación Galega de Espeleoloxía en Covas.

 

 

O programa continuaba con diversas actividades na mañá do 2 de xullo e, despois, ás 14:30h. realizábase un xantar conxuntamente cos pais e nais dos cativos participantes e, ás 16:30h., a clausura do campamento.

 

 

Dende a organización facían un balance moi positivo desta segunda edición, destacando o interese dos máis pequenos, que se amosaban encantandos coas actividades e que, tal e como adiantan dende o GEM Águilas Verdes, “xa preguntan cando vai ser o próximo campamento”.

Fotos: GEM Águilas Verdes.

 

Artigos relacionados

Back to top button